A Estrada (Galiza)


Autoestrada da Memoria
Este espazo pretende ser unha canle de comunicación sobre a memoria silenciada ou deturpada da Estrada. Unha mostra do que ocorreu na Galiza. Mais non ten peaxes nin é de sentido único. É unha vía rápida de contacto cun único destino: chegar a nós mesmos.
Coñecérmonos mellor os estradenses e desenvolver maior autoestima como membros dun pobo, o galego, que puido ser aínda moito mellor do que xa é, se lle deixaran.


Quen somos
xcgarrido@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Os 6 da Ponte do Regueiro

As asociacións e estudosos da memoria histórica dos respectivos concellos dos que eran as vítimas teñen feito un traballo de rescate destas persoas que mesmo se ten recollido nestas páxinas con motivo do seu 70 aniversario polo profesor Manuel Igrexas (Faro de Vigo, 8-10-2006). Mais compre lembrar que aínda que a súa relación coa Estrada resultou circunstancial, este feito que se conmemora o próximo xoves con diversos actos foi fundamental na historia deste Concello.
Á altura do 9 de outubro de 1936 no que se produce o paseo de seis persoas ás portas da Estrada, o estado de ánimo na poboación apouvigada polo medo era de certa resignación pois non se vía ningunha posibilidade de amosar resistencia contra o que estaba a acontecer.
Moitas familias tiñan a alguén detido, no monte, ou mesmo falecido. Xa se producira algún paseo de Estradenses. Este é o caso de Ramiro Salgueiro Señarís, da Somoza, que segundo o certificado de defunción contaba con 46 anos, casado con Isolina Villamor Sangiao e tiña 5 fillos menores. Foi deixado o seu corpo en Montouto o 20 de agosto. Xunto con el dise que estaba un rapaz de 19 anos, Clementino Louzao, de Guimarei, do que nada se soubo, a igual que pasara con José Figueira Cabaleiro, natural de Ribeira, quen foran por el á casa o 24 de agosto (deixaba 4 fillos)
O cuartel da falanxe estaba especialmente activo coas malleiras e a miúdo estas causaban tamén a morte como foi o caso do mestre Bernardo Mato Castro (4 de setembro de 1936)
Xa comezaran os xuízo sumarísimos e producíronse as primeiras condenas a morte e execucións. A impotencia era xeneralizada se ben se deixou en evidencia certos cismas entre os falanxistas que nalgúns casos vían como contraproducente este tipo de accións que resultaban impopulares e xeraban terror, mais tamén rexeitamento social.
Con todo, a xefatura provincial aínda residía no concello estradense e aquí se daban cita algún dos elementos máis sanguinarios como o “cubano”, coñecido como Florentino, quen se gababa de ter eliminado “45 tíos”
Nese contexto se producen os feitos do 9 de decembro. Como queda debullado nos traballos de Manuel Igrexas a coincidencia destes 6 é circunstancial pois non só eran de diferentes ideoloxías ou zonas, senón que mesmo estaban implicados de xeito moi desigual. Quizais o que tiñan en común é que dificilmente poderían facer presentable nun Consello de Guerra a súa condena a morte, por moi esperpénticos que eran xa de por si ditos xuízos militares, pois carecían de calquera garantía.
O caso máis emblemático é o de Severino García Teijeiro quen foi xulgado en consello de Guerra 3 días antes pola posesión dunha arma que se demostraría no xuízo que era de caza e mesmo estaba inservible co cal sería absolto, e mesmo se decretaría a súa posta en liberdade o día 11 de outubro, isto é, dous días despois de ser executado na Estrada.
Por que na Estrada? Ademais de vivir aquí o Xefe Provincial, e sobre todo, a “garda pretoriana” deste, o único que parece que tiña certa relación con esta vila era o mestre Manuel Guillán Abalo, quen ademais de republicano, pola súa condición de Masón estaba dobremente en perigo pois os membros destas sociedades secretas nalgúns casos non se querían levar a uns tribunais nos que puideran dar nomes de correlixionarios que agora estaban a facer carreira política coas novas autoridades.
Guillán estaba casado con Josefa Agulló Barral, quen era irmá da muller do Comandante Angel Pereira Renda, figura clave nas telecomunicacións para que trunfara o golpe na provincia de Pontevedra. Testemuñas orais apuntan a que isto foi determinante para que decidiran desfacerse del e das testemuñas que o acompañaban pois era unha pataca quente que ninguén quería que quedase con vida para contar o calvario da noite do 8 de outubro no que foron sacados da cadea de Lalín e conducidos á Estrada. Mais estas especulacións non van poder ser contrastadas con documentación pois este tipo de represión extraxudicial basease fundamentalmente en borrar o rastro dos feitos.
E así estaba previsto, como noutros lugares acontecía, nalgúns casos nos que tamén temos que lamentar a presenza de estradenses dos que descoñecemos o seu paradeiro (por exemplo José Mª Agra Rey)
É nese contexto que se enmarca a actuación do Xuíz, Fermín Bouza Brey e o Crego, Nicolás Mato Varela. O primeiro de coñecidas simpatías co Partido Galeguista (no que militaba seu irmá e seu pai) e o segundo cunha fonda amizade cos dirixentes republicanos locais, sobre todo cos da Casa do Pobo, quen se posicionaran no seu favor nun conflito que mantiña con certa dirixente da dereita local.
A reacción popular catalizada a través da iniciativa do crego para soterrar aos paseados “como Dios manda” non se comprende en clave de fervor relixioso porque quen secunda masivamente a Nicolás Mato é o sector social estradense ameazado e perseguido pola nova situación, se ben compre aclarar que fundamentalmente o peso das protestas o levaron as mulleres, que pola súa condición eran mais toleradas pola ideoloxía machista dos alzados que non lles consideraba suxeitos políticos. En calquera caso a reivindicación de dar cristiá sepultura aos executados conectaba coa inmensa maioría da sociedade, mesmo cos grupos máis integristas que compartían unha cultura sobre a morte que non concibía outra alternativa. Por iso Nicolás Mato tivo éxito na súa estratexia que seguramente tiña como obxectivo denunciar o escándalo deste tipo de actuacións aínda que obviamente en ningún momento se explicitou dita denuncia. Mais o enterro – sufragado polo propio crego – foi motivo de manifestación simbólica do rexeitamento á represión, e mesmo o lugar onde foron soterrados foi un espazo no que moitas familias que perderon seres queridos puideron atopar consolo homenaxeando a estes descoñecidos diante do feito de que ignoraban o paradeiro dos seus parentes e amigos.
O xuíz de primeira instancia, Fermín Bouza Brey, a pesares de ser persuadido, inquiriu por escrito aos responsables da Garda Civil pedíndolle contas sobre este suceso. Daquela era moi difícil saber onde comeza a falanxe e onde remataba a Garda Civil, mesmo os seus locais estaban un fronte ao outro e a miúdo as actuacións eran conxuntas. Con todo ao abrirse unha investigación non poderían negarse a cando menos documentar os feitos grazas ao cal contamos con soporte escrito duns sucesos que normalmente quedaban sen acreditar. Certo que a Comandancia tiña na súa man dar as escusas pertinentes e loxicamente ía tirar da socorrida lei de fugas para xustificar o inxustificable, mais rexistrar os nomes dos caidos e identificar aos responsables (aínda que non se citen neste caso por razóns obvias aos membros da falanxe que interviñeron) ten, xa que logo, unha función persuasora.
Isto non quer dicir que se remataran os paseos e a maior parte das mortes -por xuízo sumarísimo- aínda estaban por chegar, pero si é posible estas actuacións de repulsa expliquen certa redución da represión informal. Aínda serían paseados nesta demarcación outros veciños da contorna. Este é o caso de Daniel Caamaño Eiras de Padrón (casado e con tres fillos) que apareceu cun tiro na caluga en San Xorxe de Vea o 23 de outubro, ou de Jaime Fernández Neira, de Santa Cruz de Ribadulla (casado con oito fillos) quen foi paseado en Castrovite (Orazo) o 29 de novembro. Mais estes casos xa son outra historia.
Categoría: Os feitos - Publicado o 07-10-2008 23:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal
© X.C. Garrido