A Estrada non está entre as prioridades políticas do PP, que ten obras paralizadas, infraestruturas en mal estado e obras pendentes de execución no noso concello
O pasado día 30 de xuño a Deputación de Pontevedra aprobou as subvencións do Programa de Acción Municipal aos concellos da provincia de Pontevedra, e máis unha vez ponse de manifesto a grave discriminación que comete esta institución dirixida polo Partido Popular.
Ao Concello da Estrada, que presentou proxectos cun orzamento de 80.000 euros, nomeadamente para actividades deportivas (torneo de tenis, festa da bicicleta ou para as escolas deportivas municipais), así como para outros eventos de diversa entidade, só lle outorgou unha subvención total de 5.000 euros. Se temos en conta que a concellos como Silleda, Lalín e Forcarei aos que lles concedeu unhas subvencións de 14.000, 27.000 e 9.000 euros respectivamente, temos que concluír que a Deputación de Pontevedra, -o PP en definitiva- fai un uso partidista dos impostos de todos e todas, só acorde cos seus intereses e obxectivos políticos, ignorando as necesidades dos veciños das Estrada, que a fin de contas son os máis prexudicados.
Mais esta non é a única vez que o BNG denuncia a discriminación da Deputación de Pontevedra coa Estrada, xa que en reiteradas ocasións vimos denunciando o abandono e o desleixo desta institución coas infraestruturas da súa competencia que temos no noso concello. Por exemplo, a estrada Portela (Cuntis) a Souto de Vea e a estrada de Santo André de Vea a Baloira, cuxo estado lamentábel recorda ás infraestruturas do terceiro mundo, alén do grave risco que o seu estado supón para os usuarios desas vías e o graves inconvenientes para os veciños do Val de Vea, ou a de Liñares a Ponteledesma que cada catro anos, sempre en pre-campaña, anuncian melloras, como agora vía transferencia á Xunta.
Mais tamén no BNG queremos denunciar a lentitude das obras das beirarrúas de Ouzande e Codeseda, que levan meses en execución sen que se vexa o final a unhas obras que non teñen unha complexidade técnica que xustifique tal retraso.
Ademais, con cargo ao Plan Provincial de Investimentos 2009-2011 da Deputación a concellaría de deportes ten proxectado executar obras no campo de fútbol da Baiuca como a mellora do graderío e vestiarios do campo de fútbol, cuxo estado actual é unha grave ameaza para a seguridade do público asistente, o acondicionamento a pista de atletismo e o muro que o circunda o campo de fútbol; mais a día de hoxe chegamos á conclusión que a Deputación de Pontevedra ten outras prioridades noutros concellos, e non se ven posibilidades de execución destas obras a curto prazo.
O BNG denuncia unha vez máis, -e non nos cansaremos até que mude a situación-, que o PP discrimina A Estrada, e temos a certeza de que o fai única e exclusivamente por cuestións políticas e non doutra índole. E reiteramos, unha vez máis, que o PP non prexudica ao BNG, prexudica aos veciños e veciñas da Estrada, que pagan os caprichos políticos do Sr. Louzán. Pero tamén queda demostrado o escaso peso político do Partido Popular local, e en concreto do Sr. López, que se presentará ás eleccións municipais con tan escasa bagaxe que nos fai sospeitar que o PP, na Estrada, xa tirou a toalla e dá o goberno municipal por perdido, por mor do excelente traballo e compromiso que ten o BNG cos veciños e veciñas da Estrada.
O Consello Nacional do BNG ratificou o pasado sábado o primeiro tramo das candidaturas do BNG, entre elas a da Estrada. Deste xeito, o máximo órgano de decisión do BNG entre asembleas, ratifica o aprobado pola Asemblea Local do BNG da Estrada o pasado 30 de maio, cando aprobou co 94% os primeiros postos da candidatura dos nacionalistas á Alcaldía da Estrada, e que estará composta por Xosé Magariños, Maribel Ruíz Ferro, Mar Blanco Casais, Manuel Reice Villar e Constantino Regueira.
Noutra orde de cousas, o BNG tamén informa que nestes días chegará a todos os domicilios da Estrada un novo boletín, que, aparte de dar conta da elección do primeiro tramo da candidatura ás Eleccións Municipais de 2011, tamén adica un apartado ao PXOM, no que salienta a necesidade urxente de dotármonos dun documento urbanístico; tamén se informa do investimento da Consellaría de Medio Rural e Turismo de 236.000 euros en obras no rural; asemade, tamén se dá conta do proxecto Auga de Vida, que supuxo a rehabilitación de medio cento de lavadoiros e fontes do noso concello, destacando entre eles o de Leicures na Estrada, a fonte de Barco en Couso, a Fonte dos Carballiños en San Miguel de Castro e a Fonte de Sar en Santeles.
Día da Patria
O BNG tamén informa a través dunha nota de prensa da convocatoria dun acto público para conmemorar o Día da Patria 2010, que celebra o BNG todos os 25 de xullo. Neste acto aberto intervirá Raquel López Doce, Gonzalo Constenla e Xosé Magariños, e será o venres 23, ás 9 da noite, no Teatro Principal.
Xosé Magariños, Maribel Ruíz, Mar Blanco, Manuel Reices e Constantino Regueira constitúen os alicerces da candidatura do BNG ás eleccións municipais de 2011
Constantino Regueira, Mar Blanco Casais, Xosé Magariños, Maribel Ruíz e Manuel Reices
En rolda de prensa, o Responsábel Local, Xosé Manuel Baños, acompañado de Xosé Magariños, cabeza de lista do BNG ás Municipais de 2011, e de Raquel López Doce e Xan Carlos Castro Blanco, actuais concelleiros do BNG, deron a coñecer o primeiro tramo da lista, coa que o BNG concorrerá ás eleccións do ano que ven.
O Responsábel Local explicou que o adiantamento da elección da cabeza de lista veu condicionado pola renuncia por razóns persoais da actual Portavoz Municipal, Raquel López, a encabezar a candidatura do BNG, motivo polo cal o BNG da Estada quedou supeditado ao regulamento aprobado polo Consello Nacional no mes de abril pasado, que condicionou a elección da cabeza de lista a elixir tamén os 4 seguintes persoas que integrarán a lista do BNG.
Deste xeito o Consello Local elaborou unha lista consensuada encabezada por Xosé Magariños, polo que só se presentou a votación unha lista, aínda que regulamentariamente, si cabía esa posibilidade. Neste sentido, na asemblea local celebrada o sábado pasado quedou aprobada co 94,4% dos votos a favor e sen ningún en contra a lista encabezada por Xosé Magariños, que o BNG da Estrada proporá ao Consello Comarcal para a súa ratificación, e este á súa vez, elevará ao Consello Nacional que se reunirá o 10 de xullo para a súa ratificación final.
Nesta rolda de prensa, Xosé Magariños, presentou os 4 seguintes da candidatura ás eleccións municipais, e por orde son os seguintes:
Maribel Ruíz Ferro: vive na parroquia de Couso, ten 61 anos, é economista, pre-xubilada de Caixa Galicia, e é a actual Concelleira de Faceda.
Mar Blanco Casais: natural da Estrada, ten 35 anos, é licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en Comunicación Política e Dirección de Campañas; colaboradora activa do BNG desde os 18 anos, actualmente forma parte do Consello Local, e é Viceresponsábel Local.
Manuel Reyes Villar “Reices”: natural da parroquia de Couso, ten 23 anos e é estudante de Filoloxía Galega na USC, especialmente interesado na sociolingüística; desde moi novo leva traballado no asociacionismo na Estrada, dentro de organizacións como Mistura (é monitor de tempo libre) e A Xesteira de Couso (que leva 15 anos organizando o festival As nosas músicas, ademais doutro tipo de actividades); tamén participou na Asociación Cultural Tamparrantán de Santo André de Vea, concretamente no seu grupo de gaitas; é teclista e fundador do grupo de rock en galego Os John Deeres co que tocou por case todo o País; participou na posta en funcionamente de Galiza Nova na Estrada, organización da que fun responsábel local até o nomeamento de Sabela Magariños; forma parte tamén do Consello Local do BNG.
Constantino Regueira Paz: ten 56, natural de Rodeiro, pero vive desde hai 35 anos na Estrada; é mestre de Ensino Primario no CEIP de Figueroa, no que dá clases de Lingua Galega, Ciencias Naturais e Sociais e Educación Física; coordinador do colectivo de Ensinantes pola Normativización da Lingua Galega do Centro de Figueroa; é membro activo da plataforma Queremos Galego da Estrada; e formou parte da directiva que consolidou o Club Badminton Estradense como institución deportiva que promocionou definitivamente este deporte na vila.
Estes cincos compañeiros xunto co Consello Local e o actual grupo municipal serán os encargados de por en marcha unha campaña que dea a coñecer todo o que leva feito -e o que fará- o goberno da Estrada, do que o BNG forma parte, así como elaborar a candidatura completa dos nacionalistas galegos ás eleccións municipais, que terá que estar aprobada antes de fin de ano. Así mesmo tamén elaborarán o programa electoral do BNG co que se presentará ás eleccións municipais do ano que ven.
A candidatura de Xosé Magariños foi a única que se presentou e foi aprobada pola Asemblea Local co 94,4% dos votos e sen ningún voto en contra
A Asemblea Local do BNG reunida hoxe, sábado 29 de maio, elixiu co 94,4% dos votos a favor e sen ningún voto en contra a Xosé Magariños Maceiras, como cabeza de lista do BNG ás Eleccións Municipais que se celebrarán o vindeiro ano.
O Consello Local do BNG iniciou formalmente o proceso para elixir o cabeza de lista do ás eleccións de 2011 após a Asemblea Ordinaria celebrada o 23 de abril, estabelecendo unha longa serie de contactos con distintos compañeiros e compañeiras susceptíbeis de encabezar a lista do BNG. Logo destes contactos, o Consello Local considerou que Xosé Magariños reune os requisitos que o avalan como a mellor proposta que o BNG pode facer ao pobo da Estrada, xa que a súa traxectoria política e coñecemento da política municipal así o acreditan.
Subliñar que a candidatura de Xosé Magariños foi a única que se presentou a este proceso, aínda que regulamentarmente poido haber outras opcións. Este feito é valorado positivamente polo Consello Local, xa que o cabeza de lista que procurou este órgano de dirección do BNG da Estrada foi consensuado previamente entre todos os membros que o integran, o que nos permite afrontar con ilusión e con boas perspectivas o proceso electoral ao que estaremos convocados dentro dun ano.
A Concellaría de Participación Cidadá colabora coa plataforma Queremos Galego sufragando un autobús ao macro-concerto contra o decretazo
Clara Iglesias, de Queremos Galego,
e Xan Carlos Castro Blanco,
Concelleiro de Deportes e Participación Cidadá
Este sábado 17 de abril, a partires das 19:30 horas, en Pontevedra milleiros de galegos e galegas cantarán e bailarán a prol da nosa língua e contra do decretazo do PP ao son dos grupos máis representativos do panorama musical galego, e en galego. Desde Berrogüetto, Uxía Senlle, Lamatumbá, Galegoz, Ruxe Ruxe, á Asociación de Gaiteiros,... tocarán por primeirza vez xuntos nun macro-concerto que non ten precedentes en Galiza.
Aínda estás a tempo de mercar a túa entrada anticipada a un prezo de 10 €, só tes que chamar ao noso local, 986590002, ou envíanos un correo a “estrada@bng-galiza.org”, e afarémosche chegar a entrada.
Ademais, grazas á colaboración da Concellaría de Deportes e Participación Cidadá que dirixe o nacionalista Xan Carlos Castro Blanco, terás a posibilidade de desprazarte ao macro-concerto en autobús, que sae ás 18 horas da Praza do Concello, voltando ás 2:30 horas. Só tes que chamar ao 986590002 ou envíanos un correo a “estrada@bng-galiza.org” para reservar a túa praza.
Para rematar, recorda que frear o decretazo contra o galego é cousa de todos e todas, e con música, a loita farase máis amena.
O aforro dos galegos e das galegas é do pobo galego e debe reverter no noso desenvolvemento e non no de Madrid
O Grupo Municipal do BNG da Estrada ven de presentar no rexistro do Concello unha moción na que solicita de todas as forzas políticas con representación municipal o apoio ao Manifesto “Galiza ten dereito”, así como a adhesión do Concello da Estrada a este.
O Manifesto “Galiza ten dereito” foi presentado formalmente no Parlamento Galego o pasado 5 de febreiro. No acto procedeuse á súa sinatura por parte do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez; asinando tamén o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; a secretaria de Organización de UXT, Irene Martínez; o secretario de Desenvolvemento Organizativo de CC OO de Galiza, Carlos Pardo; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Antonio Fontenla.
Os asinantes deste Manifesto queren que Galiza teña dereito a un sistema financeiro propio, eficiente e ao servizo do País, a elaborar leis en beneficio da sociedade e da economía galegas e a que o Estado respecte o noso autogoberno.
O encontro da meirande parte das forzas sociais e políticas asinantes do Manifesto é a expresión de que o pobo galego non está disposto a deixarse asoballar por un Goberno do PSOE que en Galiza adopta medidas que non toma no resto do Estado, como é este recurso presentado contra a Lei de Caixas, aprobada polo Parlamento de Galiza, a iniciativa do BNG, que vai dirixido a paralizar a fusión das caixas galegas, a favorecer a súa deslocalización e a provocar o espolio do aforro galego.
O Goberno do Estado, dirixido por Rodríguez Zapatero, pretende levar o aforro galego para fóra, para que financie o desenvolvemento doutros territorios, algo que o BNG e a sociedade galega en xeral, e a da Estrada en particular non podemos permitir. O aforro do pobo galego é dos galegos e das galegas e debe reverter no noso desenvolvemento e non no de Madrid. Ou temos unha caixa de aforros galega ou teremos dúas sucursais de bancos con sede en Madrid.
.: Bloque Nacionalista Galego de A Estrada - Rua Xusto Martínez, 12-1ºC - 36680 A Estrada (Galiza) - Tlf.: 986590002 :.
Desenvolvido por Mambo
open source é Software Libre, licenza GNU/GPL Aviso Legal