Desde a entrada do BNG no goberno municipal da Estrada, no noso concello veñen celebrándose dúas veces ao ano, na primavera e no outono, dúas citas xa ineludíbeis na Praza da Abastos da Estrada. Estamos a referirnos ás Feiras Sustentábeis, que cada ano acolle a un numeroso público que acode na procura de produtos naturais, produtos ecolóxicos das hortas da Estrada.
Sen embargo, neste ano, e coa irrupción do PP no goberno da Xunta, eliminaranse as axudas da Concellaría de Medio Rural para organizar este evento, que contará exclusivamente co orzamento do departamento municipal que dirixe a nacionalista Raquel López Doce.
A primeira destas feiras sustentábeis realizarase o 15 de maio, coincidindo ca Festa do Salmón.
As UXFOR son un modelo de xestión esperanzador para os propietarios e para o conxunto do sector forestal
O PP paraliza as UXFOR por unha decisión baseada no rancor político
Esquecer as UXFOR servirá para seguir desviando os fondos de xestión forestal cara os servizos de extinción de incendios facendo perdurar no tempo o caos do monte
A paralización das UXFOR responde a unha actuación caprichosa por parte do PP, consecuencia dun discurso maliciado cando estaba na oposición, que mesmo foi incapaz de fundamentar ideoloxicamente -por canto a propiedade aínda sae reforzada e clarificada despois da identificación da propiedade e rexistro da sociedade e dos socios copartícipes coa correspondente participación- e que, unha vez que pasa a asumir funcións de goberno, resulta unha actuación desleal cos afectados aos que, amais, causa prexuízos.
O monte é un caos retroalimentado, entre outros factores, por unha pequena propiedade fragmentada en moitas parcelas nas que hoxe é imposíbel realizar xestión forestal mecanizada e sustentábel. As UXFOR implantadas polo BNG cando dirixía a Consellaría de Medio Rural na lexislatura pasada, son o resultado dunha reflexión, xa vella no sector, que atopou na unidade de xestión o xeito de resolver a fragmentación da propiedade. Isto permite, á súa vez, dirixir cara a propiedade forestal e cara un monte ordenado e produtivo as partidas orzamentarias que a nivel europeo, estatal e autonómico foron creadas para realizar xestión e ordenación. Esquecer as UXFOR servirá para seguir desviando os fondos de xestión forestal cara os servizos de extinción de incendios facendo perdurar no tempo o caos do monte.
Estando de acordo, como di López Campos, coa filosofía e utilidade das UXFOR e diante dun feito tan evidente como é a positiva recepción que por parte da sociedade tivo a utilidade das mesmas, -48 constituídas ou en proceso en menos dun ano-, a única acción fundamentada que lle cabe ao Goberno da Xunta é, a través de modificacións ao decreto, realizar aquelas correccións que, a criterio dos servizos xurídicos, resolvan os "defectos do modelo" e permitan iniciar o rexistro das UXFOR como persoas xurídicas. Xa o di o propio López, Portavoz Municipal do PP, se a propiedade da terra está garantida legalmente, e grazas á xestión conxunta pasa a ser unha participación nunha sociedade, daquela só lle resta dicir sociedade "limitada de propietarios" e, como López debera ter certos coñecementos de dereito mercantil, sabe que só falta rexistrar a sociedade no rexistro mercantil e o proceso é incuestionábel en dereito.
Se despois dun ano isto non se fixo e se segue a falar dos "defectos" sen concretalos e presentar a solución respectiva, para o BNG é evidente que a paralización das UXFOR é unha decisión baseada no rancor político exclusivamente e non unha decisión tomadas por cuestións técnicas ou xurídicas. Ademais, se o PP liquida as UXFOR estará derramando un valioso traballo de intervención social, toma de decisións e organización dos propietarios, que estaba actuando como revulsivo e modelo de xestión esperanzador para estes e para o conxunto do sector forestal.
Comments
Only registered users can write comments. Please login or register.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, realizou hoxe á tarde unha visita á Estrada, onde coñeceu o proxecto cooperativo de Monte Cabalar e a Unidade de Xestión Forestal. “O actual Goberno da Xunta non está disposto a apoiar iniciativas para apoiar o medio rural”, sinalou Guillerme Vázquez en declaracións a xornalistas.
“A Unidade de Xestión Forestal que hoxe visitamos estivo impulsada dende o anterior Goberno, en concreto, dende a Consellaría do Medio Rural que ostentamos no anterior mandato e escollemos esta iniciativa porque dende o BNG cremos neste tipo de actuacións e nas formas destinadas a poñer en valor terreos que practicamente estaban abandonados e, ademais, para xerar emprego mediante esta actividade, dentro das dificultades que ten o sector agrario no noso País”, explicou.
“Lamentamos que experiencias deste teor non poidan ter continuidade ao non estaren apoiadas por parte do actual Goberno galego e os cidadáns terán que xulgalo no seu momento”, sinalou.
Durante a visita, o portavoz nacional estivo acompañado da concelleira do Medio Rural, Raquel Lopez Doce, da concelleira de Facenda, Maribel Ruiz, do responsábel local do BNG, Xosé Manuel Baños, e do presidente da cooperativa, Francisco Barreiro, ademais doutros cooperativistas.
MÁIS DE MIL PROPRIETARIOS
A concelleira do Medio Rural da Estrada, Raquel López Doce, explicou que Monte Cabalar é unha cooperativa de explotación comunitaria da terra que agrupa aproximadamente 3.600 propiedades de máis de 1.000 propietarios nunha explotación gandeira en extensivo con máis de 700 ha de monte fechadas nas parroquias de Somoza, Tabeirós, Nigoi, Arca e Souto co obxectivo de intervir sobre o abandono e o minifundio.
En canto á Unidade de Xestión Forestal “A Coviña”, explicou que abrangue 22.75 hectáreas de monte repartidas en 120 parcelas, que estaban en mans de 50 propietarios.
Comments
Only registered users can write comments. Please login or register.
O BNG da Estrada pide a continuidade do modelo de
xestión conxunta dos montes e o cumprimento dos compromisos adquiridos pola
Administración cos promotores da UXFOR
As UXFOR ( Unidades de Xestión Forestal) caracterízanse polo agrupamento de
parcelas cara a súa xestión en común seguindo un plan, o Instrumento de Xestión
Forestal Específico (IXFE), establecido e aprobado pola Asemblea de
propietarios. Este instrumento de mellora dos nosos montes foi posta en marcha
polo BNG no período que goberno a Xunta de Galiza, en concreto, a Consellaría de
Medio Rural.
Entre as súas vantaxes, as UXFOR caracterízanse pola
recuperación e posta en valor da propiedade forestal abandonada, a consecución
de unidades produtivas de maior tamaño, que permitan e optimicen a rendibilidade
do monte, así como unha xestión común e profesional do monte. Todo iso redunda
non só nun mellor aproveitamento do monte, senón que diminúe considerabelmente o
risco de incendios forestais.
Na nosa localidade púxose en marcha a
UXFOR: A Coviña, na parroquia da Somoza, impulsada pola Cooperativa Monte
Cabalar, e a de Contumil, en presolucitude. Entre ambas as dúas xestionarían
máis de 40 hectáreas de monte, correspondentes a 130
propietarios.
Mais non só na Estrada se puxeron en marcha UXFOR, tamén en
Silleda, Forcarei, Rodeiro e Agolada, todos estes concellos cunha ampla
extensión forestal, e cunha característica común, o abandono, feito este que se
quere corrixir a través das Unidades de Xestión Forestal.
O BNG ve con
preocupación a continuidade deste modelo de xestión posto en marcha polo
anterior executivo da Xunta. Neste sentido, o BNG da Estrada ven de presentar no
rexistro do Concello unha moción coa que se pretende conseguir o respaldo
unánime do pleno da Corporación ás UXFOR, solicitando da Xunta de Galiza non só
a continuidade do modelo de xestión conxunta, senón tamén a axilización dos
trámites para a constitución daquelas UXFOR que tiveran iniciado o proceso de
constitución, así como o cumprimento dos compromisos adquiridos pola
Administración cos promotores das UXFOR.
Comments
Only registered users can write comments. Please login or register.
O BNG presenta unha moción para que a desinfección de vehículos de gando siga a ser gratuíta
A Consellaría do Medio Rural ven de facer pública a súa intención de que, a partir do día 1 de febreiro, a desinfección de vehículos de gando –requisito obrigado pola normativa de transporte de animais vivos- deixará de ser gratuíta para o usuario e se verá gravada cunha taxa que oscilará entre os 6 e os 25 euros.
Este servizo vénse prestando desde a construción dos centros de desinfección integrados na rede pública, a través dunha concesión de explotación a Tragsega. O servizo sempre foi gratuíto, e desde a responsabilidade de goberno da Consellaría do Medio Rural no anterior mandato na Xunta de Galiza, o BNG mantivo esa gratuidade como mostra da política de apoio ao sector gandeiro, tan importante para o medio rural galego.
Con esta decisión o PP deixa ben claro o nulo interese en apoiar o sector agrogandeiro e defender a capacidade produtiva do rural do noso país. E non só vai afectar a tratantes e transportistas, que xa se ven afectados por outras taxas recentemente establecidas para a entrada de gando no recinto feiral de Silleda utilizado por produtores de toda a comarca. Isto rematará prexudicando aos gandeiros que terán que afrontar directamente outro custo do servizo para maior desgraza na situación de crise que atravesamos e outras eivas que afectan ao sector agrogandeiro, repercutindo finalmente nos custos que consumidores e consumidoras pagarán polo produto final.
Con esta moción o BNG pretende esixir da Consellaría do Medio Rural o mantemento do servizo público e gratuíto de desinfección dos vehículos que acudan con gando aos recintos feirais, tal e como se vén facendo até agora. Ademáis demanda da alcaldesa de Silleda, como representante do seu concello, e dos alcaldes de Lalín e Cerdedo, como representantes da Deputación de Pontevedra no Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia, que defendan a gratuidade deste servizo no seo da Fundación.
O 25 e 26 de setembro a Concellaría de Medio Rural organiza, en colaboración ca Cooperativa Monte Cabalar e a Consellaría de Medio Rural, a IV Feira Sustentábel a Praza de Abastos da Estrada. Haberá venda e Exposición de Produtos ecolóxicos e tradicionais do rural estradense e da contorna: froitas, verduras, hortalizas, leite, queixo, mel, viño, marmeladas, conservas, cosmética natural, artesanía etc... Tamén se sortearán dous lotes de produtos da Feira entre as persoas que realicen compras nos postos da Feira.
Homenaxe a Mariano Lema
O venres 25, ás 14:30 horas, haberá un xantar-homenaxe a Mariano Lema, histórico sindicalista do Sindicato Labrego Galego, que desenvolveu gran parte da súa actividade sindical na Estrada.
.: Bloque Nacionalista Galego de A Estrada - Rua Xusto Martínez, 12-1ºC - 36680 A Estrada (Galiza) - Tlf.: 986590002 :.
Desenvolvido por Mambo
open source é Software Libre, licenza GNU/GPL Aviso Legal