Sábado 22 de Novembro de 2003 - 00:00
Moitos cidadáns estradenses pode estar preguntando-se estes dias que está pasando para que os dous partidos da oposición no Concello da Estrada, outrora tan ben levados e traballando xuntos para descabalgar ao PP do governo municipal, aparezan agora pelexados dialecticamente por unha simple cuestión, aparentemente numérica, de reparto de escanos nas Comisións Informativas Municipais e noutros órganos de representación do Pleno da Corporación Municipal. Mais este baile de números e porcentaxes cos que temos aburrido aos nosos conveciños nestas últimas datas agocha unha consecuencia ben importante para todos aqueles e aquelas que na Estrada pensamos que o PP debe pasar á Oposición, após moitos anos de xestión neglixente, corrupta e caciquil. E somos moitos e moitas os estradenses que acreditamos que tal obxectivo político, cada vez máis ao alcance das nosas mans cun PP dividido, pasaba pola colaboración e entente das duas forzas políticas da Oposición Municipal, o BNG mais o PSOE, unha colaboración que se visualizou moi especialmente nos últimos catro anos por medio de accións conxuntas no traballo social, na loita contra a suba da contribución urbana, o recibo do lixo ou o do imposto de vehículos, na articulación dos movementos cidadáns contra a guerra ou da Plataforma Nunca Máis, na presentación de mocións conxuntas ao Pleno da Corporación Municipal por medio da solicitude de sesións extraordinarias...etcétera. Desde o BNG apostamos no seu momento por aparcar os protagonismos e as lexítimas diferenzas entre os grupos da Oposición en aras de contribuir á chegada dun governo progresista alternativo ao da dereita na Estrada, mesmo sendo sabedores de que o BNG, pola súa contrastada capacidade de traballo tanto institucional como social, poderia afrontar a tarefa en solitário. Pero decidimos traballar conxuntamente co PSOE por considerá-lo un aliado, para propiciar a alternáncia no governo municipal nun prazo de tempo máis curto e porque somos coñecedores de que na Estrada poderia artellar-se unha maioria social que permitise un cámbio no Concello. Asi pois, as nosas actuacións estiveron sempre guiadas por tal obxectivo, deixando a lexítima marxe á autonomia de actuación de cada unha das nosas formacións políticas, pero gardando a debida lealdade aos nosos compañeiros de Oposición, sobre todo para non defraudar as arelas de cambio que boa parte da cidadanía estradense tiña postas na entente tácita entre o BNG e o PSOE.
Os resultados das eleicións municipais de Maio deste ano supuxeron un aval cidadán, ainda que insuficiente, a esta entente, e tanto o BNG como o PSOE aumentaron o seu apoio electoral, cifrado nun escano máis para cada un dos dous grupos, a costa do PP. O novo cenário debuxaba, pois, un reforzamento da Oposición Municipal a partes iguais e un retroceso do Partido Popular na nova Corporación Municipal, o cal fixo destapar a larvada crise interna que vivia e vive a direita da Estrada. Consecuentemente, as novas Comisións Informativas e demais órgaos de representación deberian reflectir esta baixa do PP e o aumento dos dous grupos da Oposición. No entanto, facia-se precisa unha modificación da composición das mesmas, para adaptalas á nova proporcionalidade que existe entre os grupos políticos na Corporación Municipal.
Desde o BNG propuxemos varias fórmulas para reflectir acaidamente dita proporcionalidade, fórmulas que non perxudicasen a ninguén e que beneficiasen a todos, coa certeza inxénua de que o PSOE estaria de acordo con reforzar a representación dos grupos da Oposición Municipal a partes iguais, tal e como foran os resultados electorais.
Sorpresivamente, o PSOE, en connivéncia co PP, negou-se desde o primeiro momento a esta posibilidade, rexeitando de plano que o BNG, igual que eles mesmos e non á súa costa, aumentase a sua representación nas Comisións, isto é, preferindo que a Oposición no seu conxunto non saise reforzada --e, por tanto, afortalando a un PP en crise--, para frear o avance do BNG e restar-nos operativos no noso labor de Oposición. E non quedou ai a cuestión, pois nun Pleno posterior o PSOE pactaba co PP a exclusión da representación do BNG na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, repartindo-se entre eles os 3 postos que lle corresponden á Corporación Municipal de deixando fóra á parte da cidadanía que o BNG representa en dita Corporación.
Para nós, como para a cidadania comprometida cun cámbio na Estrada, este comportamento supón unha actitude desleal moi grave por parte do PSOE estradense, quen ademais, para auto-xustificar este bandazo, xa non dubida en negar a unidade de acción co BNG --da que existen testemuños gráficos e por escrito—e, xa que logo, en desmarcarse dunha alternativa conxunta de governo para A Estrada.
Pero esta actitude do PSOE co BNG non é nova, nin na súa actuación na Estrada, nin noutros concellos galegos; forma parte da súa estratexia xacobina, hoxe presa dos dictados do PP no seu discurso re-centralizador e de agresión aos intereses nacionais dos pobos que conformamos o Estado español, uns intereses, neste caso os intereses de Galiza, que só unha organización como o BNG pode defender sen ter que cumprir os dictados que lle mandan desde Madrid. Na Estrada, acabamos de asistir a este novo episódio da estratéxia conxunta PP-PSOE, limitando a representación do BNG nas Comisións Informativas e excluíndo-nos da Fundación de Exposicións e Congresos, pero non é o primeiro nin, lamentábelmente, parece que vaia ser o derradeiro. Velaí está a negativa a apoiar a moción do BNG de condena ao terrorismo, por incríbel que pareza, pero explicada por ese seguidismo do PSOE coa estratexia neo-centralista do PP. Ou o voto afirmativo á modificación da ordenanza fiscal que subia o imposto da contribución na Estrada. Ou o seu voto contrário ás alegacións presentadas polos viciños do casco, solicitando compensacións polas suba do 60% que estes dias se está materializando nos recibos do IBI... Como se pode explicar que o BNG se quedase só defendendo as alegacións dos viciños e que o PSOE unise o seu voto ao do PP para rexeitar dar-lle solución a un conflito que clama ao ceo? A que vén ese intento do PSOE de desmarcar-se do BNG e avalar e apoiar políticas tan agresivas e impopulares do PP como a da suba do IBI na Estrada? Como explicar-lle a un votante progresista que o PSOE impida que o ascenso do BNG nas urnas se traslade á composición dos órganos de seguimento e control do governo?
Quizá desde o BNG pecamos de inxenuidade na nosa relación co PSOE, a pesar doutras experiencias de deslealdade noutros concellos, hoxe tan de actualidade (quen pode esquecer o indigno comportamento político na pasada lexislatura do PSOE de Vigo, Ferrol ou Pontevedra nos gobernos municipais encabezados polo BNG, fronte á seriedade e lealdade do BNG nos gobernos municipais de Compostela ou Lugo, encabezados polos socialistas, ou o lamentábel espectáculo que está dando o actual alcalde socialista de Vigo?). Na Estrada, desde o BNG nunca lle esiximos fidelidade ao PSOE, pois non fomos nin seremos nunca unha unión de duas forzas políticas. Nós, en todo momento os consideramos como uns aliados, como os nosos amigos políticos, cos que compartiamos unha estratéxia comun para crear un goberno municipal alternativo. E nós cremos que as amizades, sexan do tipo que sexa, se rexen polo prinicípio da lealdade. Pero é claro que estabamos errados e que o PSOE da Estrada, como noutros concellos, finxe unha amizade que traizoa cando lle convén. Nestes últimos anos nos que compartimos Oposición na Estrada, o PSOE sempre traballou a remolque e aproveitando-se do labor do BNG, tanto a nível institucional como social, e mesmo foi o BNG quen avalou economicamente moitas das campañas conxuntas. Os resultados eleitorais de constante aumento do BNG fronte as continuas subas e baixas do PSOE expresan moi claramente ese traballo de base noso fronte ás políticas propagandísticas, moi a remolque dos seus logros e fracasos na política estatal do PSOE. Pero cando chegar a hora da verdade, cando o PSOE ve que o BNG segue avanzando e que ese traballo de base consolida as nosas posicións, chega o momento de mostrar a sua outra faciana, de intentar minimizar a representación do BNG e, en definitiva, de mostrar a sua deslealdade. De pasar a ser unha amizade perigosa.
O BNG lamenta enormemente todo este episódio, que parece que o PSOE quer escenificar en toda Galicia, sobre todo porque alonxa a posibilidade de derrotar conxuntamente ao PP, nuns momentos en que este partido vive unha verdadeira loita interna polo poder que se vai incrementar nos próximos meses. Pero ao mesmo tempo, pensamos que a situación é moi clarificadora, que as intencións do PSOE son moi obvias e portanto mesmo preferimos que esa deslealdade se poña de manifesto agora para poder obrar en consecuencia e saber a tempo que os socialistas xa non son os nosos “aliados naturais” e, portanto, xa non podemos contar con eles á hora de desbancar ao PP.
É evidente que a partir destes feitos o BNG cambiará a súa estratexia. Teremos que redobrar forzas, seguir traballando máis intensamente en contacto coa cidadania e preparar-nos neste catro anos para presentar-lle aos e ás estradenses unha alternativa nacionalista de goberno progresista para A Estrada sen outros compañeiros de viaxe que o noso traballo serio e rigoroso na institución municipal e no contacto directo coa cidadanía, o diálogo con todas as forzas políticas, sen prexuízos apriorísticos, a defensa do interés xeral e un proxecto de mellora da calidade de vida e do benestar social para todos e todas as estradenses, quen poden estar seguros de que o BNG lles será sempre leal.
Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |