Xoves 03 de Xuño de 2004 - 00:00
Logo de recibido o dictame da Xerencia do Catastro onde se informaba de que este organismo non ía aplicar os coeficientes redutores, porque entende que o importe dos recibos estan correctos ao basearse na Ponencia de Valores, que foi asinada unilateralmente polo Alcalde Sr. Ramón Campos, polo que deixa en mans do Concello a redución dos tipos impositivos, é dicir, que o Concello, -e citamos textualmente o acordo plenario do 9 de febreiro-, Se a Xerencia do Catastro non aceptase aplicar os Coeficientes reductores, ou os mesmos non foran efectivos nos recibos do IBI de 2004, o Concello da Estrada aplicará as "medidas correctoras oportunas" equivalentes á aplicación dos coeficientes reductores ata a entrada en vigor da nova Ponencia de Valores Catastrais. Polo tanto, o concello ten que aplicar as medidas redutoras que palien a sobrevaloración catastral na cantidade que o Catastro se negou a aplicar, ou sexa, unha redución do 40% nos recibos, resultante da aplicación dun coeficiente 0,6, de todos os inmóbeis do casco urbano, unha vez que o estudo pericial demostrou que a sobrevaloración se estende a todas as rúas e polígonos. Logo deste acordo plenario do 9 de febreiro, non entendemos por qué o PP insiste en dubidar das sobrevaloracións xeralizadas no casco urbano, poñendo en cuestión a fiabilidade do informe pericial elaborado por técnicos propios e externos, contrastado cos axente inmobiliarios e urbanísticos que operan na Estrada.
No BNG tampouco entendemos nen compartimos os temores do PP e o PSOE en solicitar unha nova Ponencia de Valores, única solución definitiva ao problema da contribución na Estrada, máxime cando quedou desmostrada a sobrevaloración xeneralizada. Hai que lembrar, ademais, que a nova Ponencia deberá ser un traballo consensuado por todas as partes e co consentimento último da Corporación Municipal, e non da irresponsábel sinatura do Alcalde, como ocorriu coa vixente Ponencia de Valores. O BNG interpreta este temor no caso do PP pola súa constante negación da sobrevaloración na Estrada, o cal o leva a non querer modificar a Ponencia actual para seguir mantendo o nivel de recadación de impostos, e no caso do PSOE, por non ter unha actitude decidida de confianza en cambiar as cousas e, por tanto, non crer no futuro.
Desde logo para o BNG non hai máis solución que a aprobada polo Pleno da Corporación Municipal no mes de febreiro, solución que ademais estaba avalada polos viciños e viciñas da Estrada. |