Xoves 26 de Agosto de 2004 - 00:00
De novo un Concelleiro de Lalín sae na prensa descalificando o acordo do IBI, que se aprobou só cos votos favorabeis do BNG, e que puxo fin ás demandas lexítimas dos veciños e veciñas da vila da estrada que se sentían perxudicados e discriminados pola ordenanza do IBI.
Esta nova inxerencia na vida municipal do noso Concello reforza o argumento do BNG de que existe unha estratexia moi ben planificada do PP-PSOE estradense para abortar o acordo soberano tomado polo Concello Pleno da Estrada a respecto do IBI, senon non se entende nin a insistencia do PP de Lalín nun asunto que non lles compete, nin o silencio que manteñen o PP e o PSOE estradense a respecto destas declaracións que atentan contra a soberanía mesmo do noso Concello, e moito menos se entende que estes dous partidos “maioritarios no noso Concello” se abstiveran nun tema desta importancia e que se compromenteron introducir as “medidas correctoras oportunas” para reducir o impacto económico do imposto do IBI.
De novo, e diante das, por reiteradas, insultantes inxerencias do grupo de goberno do PP de Lalín na política municipal da Estrada, desde o BNG vémonos na obriga a dar resposta a estas actitudes malintencionadas, inaceptábeis e totalmente inauditas –así como cheas de mentiras, como máis adiante exporemos— no que se refere á plena autonomía que teñen os Concellos a resolveren os seus propios asuntos sen que ningún outro interveña ou cando, como se trata neste caso, descalifiquen decisións soberanas e actos que gozan de plena presunción de legalidade até que se demostre o contrario. Aínda que se trate dunha obviedade, declaracións tais fannos recordarlles a estes señores do PP de Lalín que os estradenses somos maiores de idade e non precisamos que ninguén de fóra nos veña dar leccións de política municipal nin gobernar a nosa casa. O PP de Lalín que se dedique a facer política en e para Lalín e que deixe que A Estrada se goberne por si mesma.
Esta segunda intervención dun membro do grupo de goberno do PP de Lalín reforza o argumento do BNG de que existe unha estratexia, non unha conspiración como eles mesmos lle queren chamar, ben planificada para abortar o acordo soberano tomado polo Concello Pleno da Estrada a respecto do IBI. Un acordo que, hai que lembrar, foi tomado pola Corporación Municipal e que, por tanto, goza de presunción de legalidade agás que unha autoridade competente do ámbito xudicial na materia –e non dous desinformados concelleiros dun concello veciño que se queren erixir en xuíces e partes— dicer o contrario. Unha estratexia anunciada no seu día pola entente PP-PSOE estradenses que agora se volve manifestar por segunda vez e que, de seguro, terá continuidade con este tipo de declaracións ou, xa abertamente, con medidas que intenten botar abaixo o acordo.
Máis outra vez, as declaracións destes concelleiros do PP lalinense, demostran, así mesmo, unha grande ignorancia, pero tamén unha actitude partidista, a respecto do que están a dicir.
En primeiro lugar, o BNG non montou “un invento demagóxico tremendo para opoñerse a unha subida de impostos”, senón que achegou a única solución posíbel para restituír unha inxustiza manifesta, demostrada por un estudo técnico oficial, avalado polo propio concello. Dita inxustiza estalles facendo pagar aos veciños un imposto que sobrevalora as súas propiedades, nalgúns casos no 300%. Os propios PP e PSOE no seu día se comprometeron a introducir as “medidas correctoras oportunas” para reducir o impacto económico desta sobrevaloración nos recibos do IBI, pero chegado o tempo, incumpriron o acordo, traizoaron á veciñanza e agocháronse covardemente detrás dunha abstención, como un episodio máis da súa estratexia inicial para que non se lle dea solución ao problema.
En segundo lugar, e recomendándolle ao sr. Rodríguez que os seus informantes da Estrada o asesoren con máis precisión, é totalmente falso, como afirma que “ese acordo do pleno de A Estrada vai en contra non dun informe municipal, senón contra varios informes municipais, varios da Deputación, contra informes xurídicos da Xunta, e dun catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago”. Falso, porque estes informes aludidos foron redactados antes de que o BNG presentase a súa proposta de inclusión dunha disposición adicional transitoria na Ordenanza Reguladora do IBI, onde non se fala de bonificación, senón de introdución das “medidas correctoras” propostas no seu momento polo PP-PSOE da Estrada e se materializan os acordos plenarios previos de compromiso de reducións nos recibos do IBI, compromiso agora incumprido pola entente PP-PSOE. Portanto, ditos informes, emitidos con anterioridade á que existise a proposta, para nada se refiren o acordo finalmente aprobado.
É verdadeiramente fariseíco, e propio dun impostor, que un tal Rodríguez, simples concelleiro dunha honorábel corporación municipal veciña, queira dictar sentenza definitiva, cal se un xuíz maxistrado se tratase, e diga que esteamos perante “un acto non presumiblemente ilegal, senón ilegal a todas luces” e despois cale a boca cando, verdadeiramente, haxa sentenzas firmes contra verdadeiras ilegalidades cometidas polos seus compañeiros de partido en toda a comarca, caso d’A Estrada (delictos urbanísticos, onde se beneficiou a particulares a cambio de non se sabe qué intereses), Dozón (acoso laboral), etc.
Pero aínda así, e se os tais Rodríguez ou Gómez ou calquera outro portavoz da estratexia anti-estradense quixeran persistir nesta actitude inxerente e impostora, recomendámoslles que lean con atención todas as actas da Xunta de Goberno Local da Estrada nas que se reflicten o que eles consideran “ilegalidades”, cometidas polo seu partido na Estrada: as máis recentes, as últimas prazas de persoal convocadas, para enchufar aos seus correlixionarios, mesmo sen os informes técnicos obrigatorios, tal e como se fai constar polo secretario. Ou a bonificación xeneralizada no IBI a todo o territorio rural estradense con todos os informes en contra. Ou as continuas aprobacións de licenzas de obras con todos, aquí si, os informes técnicos en contra. E así, un longo etcétera.
Pero claro está, o tal concelleiro Rodríguez calará a boca perante estes feitos. Calará porque el fala porque lle mandaron. Calará porque se trata de impedir que os veciños consigan o que, por xustiza, lles pertence: non ter que pagar polo que non teñen; trátase de impedir que o exemplo cívico e democrático dos veciños da Estrada se propague a outros concellos e que a verdadeira democracia participativa e de decisión popular faga tambalear o poder clientelar, caciquil e predemocrático do PP na comarca. Calará porque é sabido que o PP cala cando se trata de tapar chanchullos, ilegalidades firmes, enchufismos, pelotazos urbanísticos e un sinfin de actitudes, sempre en beneficio propio, particular ou partidista, que os fan indignos de ostentar un cargo público. En fin, calará porque, pese a lanzar estas malévolas declaracións contra un concello veciño, o tal sr. Rodríguez é, tamén, un bo estómago agradecido, e os favores a el concedidos en forma de traballos remunerados que realizou na elaboración do PXOM da Estrada –traballos dos que logo se valeu para publicar en forma de libro e obter así dobre beneficio— hai que pagalos ben pagos. Aínda que sexa insultando as decisións de toda unha corporación municipal soberana, representante duns cidadáns que aplauden abertamente esta decisión e que só queren que os seus políticos lles solucionen os seus problemas, non que llos creen. Mentres, o PP teima en llos crear e non llos solucionar. De aí as declaracións e os silenzos duns tais como Gómez ou Rodríguez. |