Xoves 25 de Novembro de 2004 - 23:11
Foron moitos meses de loita pola suba desmesurada dos recibos da contribución, pero conseguimos rebaixar os recibos do IBI malia aos atrancos do PP e do PSOE, que puxeron todo tipo de impedimentos para que o acordo da rebaixa da contribución fora posíbel.
 Gonzalo Constenla e os viciñ@s celebrando o éxito conseguido |
Agora, que xa estamos a pagar os recibos coa rebaixa votada única e exclusivamente polo BNG, aínda conta ca última ameaza posíbel, a dun recurso da Delegación do Goberno que está en mans do PSOE. Tras dez meses de loita pola suba desmesurada dos recibos da contribución, que remataron no mes de agosto cando o BNG aprobou en solitario a modificación da ordenanza do IBI, os veciños e veciñas da Estrada e o BNG conseguimos o obxectivo de aplicación dunha redución 37% nos recibos da contribución, até que se redacte unha nova Ponencia de Valores, de todos os inmóbeis da vila. A partir deste ano, pois, non volveremos ter que pagar a brutal suba que experimentaran os recibos o pasado ano.
A medida acadada, pese aos atrancos do PP e mais do PSOE, é un acto de xustiza para paliar provisionalmente o abuso que desde o ano 1996 levamos padecido os estradenses. Naquel entón, o alcalde Ramón Campos, co apoio do seu grupo de goberno, asinou unha Ponencia de Valores que chega a aumentar nun 300% os valores reais dos nosos inmóbeis, iso sen contar cos centos de erros que contén a ponencia. Se en 1996 o PP asinaba tal ponecia, en 1999 subía o tipo impositivo ao 0,25%, pero foi en xullo de 2003 cando o PP coa axuda do PSOE, elevaron o tipo ao 0,4%, o que equivale a un 60% de incremento nos recibos da contribución de 2003.
Con todo, os viciños e viciñas da Estrada esperaban que o Goberno do PP recapacitara e mudara unha situación que era insostíbel para moitas familias, que vían como a pensión ou o soldo dun mes se lle ía en pagar a contribución, pero o PP, aínda que tamén o PSOE, deron as costas aos viciños. Deste xeito, contando coa única axuda do BNG, os viciños e viciñas da vila da Estrada reuníronse e organizáronse para prantarlle cara ao goberno do PP, que recibiu a inestimábel axuda do PSOE.
Ante unha situación sen saída, a veciñanza optou pola única vía de presión posíbel, o peche no Concello, e tras 49 días de vixilia permanente na percura dunha solución xusta para o seu problema, conseguir arrincar un acordo que logo PP e PSOE se negaron a cumprir. Pero os viciños e viciñas da vila da Estrada non estaban sós nesta loita, contaban co BNG para levar a diante unhas reinvindicacións que nós asumimos xa desde 1996. O BNG actuou responsabelmente tendo que facer as veces de oposición única (o PSOE fixo un escandaloso seguidismo do PP) e de goberno (o PP non quería cumprir o acordado) e tivo que ser o BNG quen aprobou en solitiario a modificación dadisposición transitoria da ordenanza do IBI que supón unha rebaixa do 37% no recibo da contribución do 2004 e mentres non se redacte unha nova Ponencia de Valores xusta e veraz, un obxectivo que nos debemos de marcar a partir deste momento.
A ameaza dun recurso por parte do PSOE
A día de hoxe, e tras varios intentos de botar abaixo o acordo, as ameazas de PP e PSOE de que a redución dos recibos non se podería materializar resultaron infrutuosas. Finalmente, os recibos están chegando ás nosas casas coa redución aprobada polo BNG no Pleno da Corporación. Agora, só unha actitude revanchista e inxusta do PSOE, a través da Delegación do Goberno Central en Galiza, podería materializarse na presentación dun contencioso administrativo contra o Concello. Pero ademais de tremendamente impopular e antiprogresista, o contencioso tería un longo trámite, non podería ter efectos retroactivos e, cando finalmente se dirimise, suponse que xa teriamos unha nova e xusta Ponencia de Valores, cuns recibos axustados á realidade. Portanto, non serviría para nada e só suporía unha medida á desesperada que o PSOE debera meditar moito antes ousar a poñela en práctica. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |