Luns 17 de Xaneiro de 2005 - 22:15
O BNG presenta unha moción solicitando que o Concello apoie a creación no parlamento Galego dunha Comisión para o Novo Estatuto de Galiza, que se ocupe de elaborar un documento de bases consensuado, que sirva de base para que o novo goberno saído elabore un novo Estatuto de Galiza froito do consenso e non da exclusión. O debate sobre o modelo de Estado e sobre a súa reformulación está definitivamente aberto e ocupa boa parte da actualidade política e mediática. Como galegos e galegas podemos asistir como simples espectadores a ese debate, pero tamén podemos asistir como protagonistas, coas nosas propias propostas e demostrando que pode e debe haber unha vía galega para a transformación positiva, construtiva e dialogada.
De como se resolva este debate depende que Galiza teña ou non as ferramentas que precisamos para construír a Galiza do século XXI: a Galiza do benestar, das ideas e das oportunidades para todos e todas. E para que Galiza saia con ben deste reto é necesario institucionalizar unha nova cultura política respectuosa co pluralismo, na que todos temos moito que aportar, sen exclusións e sen prexuízos, e nese empeño os concellos galegos deben ter un gran protagonismo.
O actual marco estatutario concibiuse como un punto de partida para o desenvolvemento dinámico do autogoberno e das institucións galegas. Neste novo tempo político o BNG quere impulsar un desenvolvemento leal do marco competencial en beneficio do autogoberno, estipulando un novo marco económico baseado na autonomía fiscal e financeira, garantindo máis compromiso do Estado con Galiza e facendo posíbel máis Galiza no mundo, abrindo novos escenarios competenciais que permitan defender os nosos intereses alá onde se deciden.
Galiza non pode agardar. A historia non entende de ritmos electorais e é o momento de asumir colectivamente un plan de traballo para asegurar que Galiza teña o seu papel protagonista na historia e no futuro que nos merecemos.
En consecuencia, o grupo municipal do BNG propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte ACORDO:
1. Apoiar a creación no Parlamento galego dunha "Comisión do Novo Estatuto" que nos vindeiros meses, e con independencia dos ritmos electorais, se ocupe de elaborar un documento de bases consensuado. Un decálogo de intencións e compromisos que leve o optimismo e a esperanza á sociedade galega e meta ao noso país no debate estatal.
2.Apoiar institucionalmente o compromiso colectivo dun consenso reforzado para garantir que o Novo Estatuto sexa efectivamente de todas e todos os galegos, comprometéndonos como representantes da cidadanía galega na colaboración co novo Parlamento que xurda das eleccións, que terá a responsabilidade de consensuar o texto definitivo, para que ninguén se sinta excluído e todos nos sintamos parte.
3.Apoiar o obxectivo de someter o Novo Estatuto, unha vez aprobado polas Cortes do Estado tal e como determina o actual estatuto, a unha consulta popular, comprometéndonos a traballar para acadar unha participación masiva nesa consulta na que a cidadanía galega se manifeste dona de sí mesma.
4.Comprometérmonos, como representantes de distintas forzas políticas, a deixar fóra da confrontación electoral o consenso para o Novo Estatuto, traballando dende hoxe nun texto de consenso, sen interferencias foráneas. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |