Mércores 09 de Febreiro de 2005 - 14:10
O próximo xoves día 10 de Febreiro, ás 20.30 hs, no Restaurante San Onofre, terá lugar un acto público comarcal enmarcado na campaña sobre o referendo da Constitución Europea, ao que están convidadas todas aquelas persoas que desexen ter información sobre o que se vai decidir o día 20 de Febreiro.
O acto será presentado pola coordinadora da Comisión Nacional de Mocidade do BNG e responsábel comarcal da Muller, Noa López Calvelo e nel intervirá o Portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez. A charla está enmarca na campaña nacional que o BNG está desenvolvendo en toda Galiza para explicar que, desde a incontestábel tradición europeísta do nacionalismo galego desde os seus comezos, este Tratado Constitucional non asegura o espazo de progreso e benesas e a Europa Social e dos Pobos que como galegos reclamamos.
No transcurso do acto, os intervintes farán especial fincapé e reclamar unha Europa que se posicione sempre a favor do dereito internacional e en contra das guerras imperialistas, unha Europa que siva de contrapeso á hexemonía dos Estados Unidos e que defenda valores solidarios e humanistas.
Desde o BNG estamos convencidos de que outra Constitución é posíbel, onde Galiza debería ter opción de participar directamente a través do Parlamento Galego, con representación propia nas institucións comunitarias. Outra Constitución que non se constrúa só arredor dos estados, senón fundamentalmente tendo en conta todos os pobos de Europa que non existen a ollos deste Tratado.
Desde o punto de vista económico, o BNG cre que o Tratado afianza un modelo económico negativo para Galiza. Na Europa que o BNG quere, Galiza tería garantido o dereito a vivir e a producir na propia Terra, o dereito a desenvolver todas as potencialidades do agro e do mar, o dereito a dinamizar a súa industria, entre ela a do móbel. Sen embargo, o Tratado non vai nesa dirección e afianza un modelo que ten sido moi negativo para a economía galega, coas receitas do pensamento único: privatizacións do sector público, precarización do mercado de traballo, limitación e mesmo eliminación das políticas de cohesión territorial con graves ameazas sobre o futuro dos fondos europeos para Galiza.
O BNG aposta por unha Europa autónoma e libre da tutela da supepotencia imperial, os EEUU de América. Queremos unha Europa que se comprometa coa paz e que renuncie explicitamente á guerra preventiva e que faga do respeito á Carta Fundacional das Nacións Unidas a súa norma de conduta. Unha Europa que aposte sempre por unhas relacións internacionais pacíficas e xustas que sirvan de contrapeso ao unilateralismo dos EUA. Mais o Tratado o que nos ofrece é outra cousa: supeditación a unha OTAN hexemonizada polos EUA, militarismo latente e non exclusión das intervencións preventivas fóra do territorio da Unión.
Galiza merece unha Europa social e do emprego, na que prime o benestar das maiorías sobre os intereses dos poderosos, unha Europa que garanta o dereito de todas as nacións de vivir do seu traballo e non das subvencións, unha Europa que aposte pola economía sustentábel e a defensa do medio ambiente e non polo produtivismo que non é solidario coas xeracións futuras. O que temos, en cambio, en un Banco Central Europeo todopoderoso que non dá contas a niguén sobre como xestiona a política monetaria e un orzamento raquítico que non permiten que se instrumenten políticas de cohesión territorial ambicioasas. O que temos é un Tratado que non aposta polo gasto social e si, en troca, polas políticas fiscais que favorecen as rendas máis altas.
Así pois, este tratado é unha oportunidade perdida para avanzar nunha Europa máis democrática, para deixar atrás o déficit democrático. Por iso o nacionalismo galego recomenda o NON a este Tratado. Porque dándolle un NON a tempo teremos a oportunidade de no futuro participar na elaboración dunha Constitución europea moito mellor. Porque sabemos que é posíbel outra Europa. E que nesa Europa os intereses de Galiza estaría moito mellor defendidos. |