Domingo 24 de Abril de 2005 - 18:55
Por Xosé Manuel Baños García
Membro do Padroado da Fundación Cultural A Estrada
O dia 19 de abril inaugurouse na Estrada o I Foro de Cidades Dixitais, bautizado co nome de Dixitalia, e acudín a el a última hora da tarde, porque me interesaba principalmente a videoconferencia de Richard Stallman, máximo expoñente e defensor do Software Libre a nivel mundial; esperei infrucutosamente porque finalmente a videoconferencia non se produciu debido a problemas técnicos, que de momento a organización ainda non aclarou. Mentres esperaba, escoitei o relatorio "O ámbito das novas tecnoloxías na sociedade da información", e o moderador ao finalizar a exposición de todos/as os que estaban na mesa fixo unha pregunta, que naquel intre pareceume irrelevante, pero que logo, máis tarde, fixo que pola miña cabeza xurdira unha fervenza de ideas e plantexamentos que non coincidían cos expostos alí. A pregunta que fixo o moderador era máis ou menos a seguinte (e traduzo): cal pensades (dirixíndose aos membros da mesa) que pode ser o revulsivo para que internet se popularice moito máis? A pregunta non é baladí, xa que segundo os últimos estudos a penetración da internet na sociedade galega é máis ben escasa; só hai un 16% de fogares conectados a intenet, sendo o dobre en Catalunya, Euskadi e Madrid. Os/as ponentes contestaron a esta pregunta dicindo que para que internet se popularice e se universalice fai falla que os servizos e os contidos que oferezan lle fagan a vida máis doada ao cidadán, ben sexan axilizando os trámites burocráticos coas administracións ou coas entidades privadas, ou polos servizos de videoconferencia, etc. É dicir, e resumindo, o que fai falla, segundo eles, son contidos que fagan interesante conectarse a internet.
Inicialmente eu pensei que, efectivamente, este podía ser un dos principais problemas para que os galegos e as galegas non nos conectármos a internet, mais, eu coido que o problema do raquítico índice de ordenadores por fogar ou do número de conexiósn a internet, non son os contidos; o problema é ben distinto; o problema é o prezo: o prezo dos ordenadores, o prezos dos programas informáticos e o prezo da conexión a internet.
Fagamos contas. Aínda que botásemos man do Plan Acceda promovido polo Concello da Estrada, que non contempla os niveis de renda dos/das beneficiarios/as desa subvención, -o Concello dá por bó que todos/as temos as mesmas facilidades para mercar un ordenador, cando non é asi-, o mercado informático está en constante renovación e é practicamente imposíbel mercar un ordenador a un prezo inferior aos 700 ou 800 euros.
Sigamos coas nosas contas e supoñamos que mercamos o ordenador. Agora temos que comprarlle as aplicacións (sistema operativo, programas...) porque senón o noso flamante computador será un trasto inútil. Neste punto os cursos de iniciación á informática que imparten as distintas administracións só contemplan a posibilidade do software propietario, moito máis caro que o outro tipo de aplicacións, como pode ser o software libre, que aparte de ser máis económico, mesmo se pode conseguir gratuitamente, tendo outro tipo de vantaxes como pode ser que é de libre distribución, copia e mesmo de modificación. Deste xeito unha persoa recén iniciada no mundo da informática terá que desembolsar aproximadamente uns 350 ou 400 euros en aplicacións propietarias para equipar “mínimamente” o seu ordenador.
Seguramente as visitas que periodicamente reciben os nosos gobernantes por parte dos magnates da grandes transnacionais do software, que ofertan condicións especiais ás administracións en campañas de alfabetización, etc, teñan algo que ver con isto, porque saben que logo o recuperan cando os inocentes cidadadáns pasen por caixa á hora de mercar o software propietario que aprenderon grazas á "xentileza" desa transnacional.
Para rematar, fáltanos a conexión a internet: necesitamos unha liña telefónica, 15 euros de mantemento mensual, e unha conexión a internet, tarifa plana 18 euros e se queremos ADSL 39; é dicer, 396 e 648 euros ao ano respectivamente.
Como se pode observar os cidadáns e cidadás temos que pagar un prezo demasiado elevado para conectarnos á sociedade da información, polo que sería desexábel, desde o meu punto de vista, que os distintos gobernos reorientaran as súas políticas de alfabetización dixital: primeiro, con ordenadores máis asequibles, ben sexa por medio de subvencións ou obrigando aos fabricantes a fornecer equipos de baixo custe ou de segunda man; segundo, promover o uso de software libre; e terceiro, estabelecer un prezo mínimo de conexión de banda ancha. |