Mércores 01 de Xuño de 2005 - 13:01
Olaia Fernández Davila dixo non comprender esta posición cando unha "das funcións do catastro é aportar información para calcular o IBI, imposto vinculado ao territorio"
O PP e o PSOE impediron esta tarde no Pleno do Congreso dos Deputados a aprobación da proposición de lei do BNG (que contou cos votos de CIU, ERC, PNV, EA e Nafarroa Bai) que pedía que as CC.AA asuman as competencias de formación, actualización e renovación dos catastros, deixando ao Estado a función da coordenación. O non do PSOE e o PP (incluídos os seus deputados e deputadas galegas) a esta proposición de lei supón que os dous partidos de obediencia estatal, por mor da súa natureza centralista, non están pola labor de que a nefasta xestión das Xerencias Territoriais do Catastro se poida corrixir, e evitar así que se redacten Ponencias de Valores que, como a d’A Estrada, levan causando graves prexuízos á cidadanía.
É tamén curioso comprobar como, ao igual que aconteceu na Estrada durante o conflito do IBI, PSOE e PP seguen indo da man e optan por non querer darlle solucións a un grave problema que teñen moitos concellos galegos, e nomeadamente o d’A Estrada.
Foi a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, quen defendeu esta iniciativa perante o Pleno, onde salientou "o obxectivo do BNG de modificar o regulamento sobre o catastro inmobiliario para que as funcións de formación, actualización e renovación, hoxe detentadas polo Estado, pasen a ser desenvolvidas polas CC.AA".
Explicou que no caso concreto do catastro, incluso o Estado realizou convenios de colaboración e cooperación con entidades locais, "sen permitir que as CC.AA exerzan funcións sobre o mesmo" e subliñou que precisamente unhas das funcións do catastro é aportar información para o cobro do IBI, un imposto vinculado ao territorio, por iso é preciso adecualo ás peculiares características da estructura da propriedade en cada CC.AA como a galega.
Tamén subliñou que outra das utilidades do catastro é a de servir de referencia para acceder a axudas da política agraria comunitaria como as axudas por superficie cuxa tramitación corresponde precisamente ás CC.AA. E salientou o feito de que a xestión dos Impostos de Transmisións Patrimoniais e o Imposto de Sucesións que gravan operacións inmobiliarias, vinculados ao territorio, son competencia das CC.AA, asi que un control mais directo por parte das Administracións Autonómicas sobre os Catastros redundaría nunha maior eficacia.
A deputada nacionalista deixou claro que non se trata de ceder totalmente a xestión, senón só as funcións executivas e manter a colaboración co Estado, que tería a función de coordenación. "O noso propósito é beneficiar aos cidadáns, acercándolles este servizo". Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |