Sábado 11 de Xuño de 2005 - 16:15
Durante a Feta do Salmón o Concello da Estrada organizou unha comida “oficial” para 114 persoas, que nos custou a tod@s @s estrandense 5.700 euros, polo que o Servizo de Intervención municipal informou negativamente a factura por non estaren os gastos debidamente xustificados e superar o límite estabelecido.
 Á vista do informe de Intervención, o grupo municipal nacionalista solicita por escrito a xustificación do gasto e a listaxe nominal de comensais, xa que, como é habitual o PP convidou a todos os seus alcaldes de barrios e outra xente afín ao partido. O BNG tamén considera que estes gastos innecesarios son unha mostra máis da política de despilfarro e da utilización partidista e caciquil dos cartos públicos que fai o PP.
Por todo isto, o porta-voz municipal e Candidato ao Parlamento Galego, Gonzalo Constenla afirma que “O Concello o que ten que facer é crear riqueza, realizar investimentos e apoiar os sectores produtivos, industriais e comerciais, non derrochar cartos públicos en gastos superfluos e inxustificados que, a maiores, supoñen unha burla aos contribuíntes”. A Estrada, 10-05-05. As actas da Xunta Local de Goberno do 30 de maio de 2005 no seu punto 11º, recollen un informe de Intervención sobre a factura 2107 por montante de 5.700 euros correspondente a 114 comidas no xantar oficial da festa do salmón 2005. En dito informe sinálase que ditos gastos se encontran sometidos ao labor de control do Pleno da Corporación Municipal “nembargantes, para levar a cabo este control de oportunidade é preciso que quenes vaian efectualo dispoñan de tódolos elementos de xuicio necesarios para elo, é dicir, para deslindar cando nos encontramos cun gasto de representación que pode redundar en beneficio da comunidade de cando nos encontramos ante un gasto particular”.
A continuación, a interventora municipal sinala que, consonte aos criterios estabelecidos polo Tribunal de Contas do Estado, coa factura se debería achegar “unha xustificación adicional, co obxecto de verificar se estes gastos se realizan efectivamente con fins protocolarios e representativos. Neste caso non se aporta a relación de comensales, polo que se incumple os criterios establecidos polo Tribunal de contas en relación a este tipo de gastos”.
Por outra banda, o informe de intervención recomenda “estabelecer unha limitación cuantitativa a este tipo de gastos [...] Isto suporía un menor marxen de discrecionalidade na realización dos gastos e facilitaría a labor de control tanto por parte da Intervención municipal como por parte dos membros da Corporación” .
Outrosí, dise que “O gasto non foi obxecto de previa autorización, pese a superar o límite establecido nas BEO [Bases de Execución do Orzamento] de 3.00 euros”.
Por último, informase negativamente o gasto “toda vez que supera o limite establecido para gastos sen previa autorización e por non incorporar a xustificación adicional que, ademais da factura, establece para os gastos de representación o informe emitido polo Tribunal de Contas”.
A pesar do informe de reparo por parte de Intervención, a Xunta Local de Goberno acordou por unanimidade aprobar a factura e proceder ao seu pagamento. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |