Domingo 11 de Decembro de 2005 - 15:44
 O BNG solitará, mediante unha moción que se discutirá no pleno ordinario do día 12 de decembro, que a Axencia Tributaria manteña todos os servizos que está a prestar actualmente, co gallo de facilitar o acceso da cidadanía a estas sestións, e evitar os graves prexuízos que suporía desprazarse á capital da provincia para tódalas persoas que tributan no sistema de módulos, moi numerosos na nosa comarca. O Departamento de Organización, Planificación e Relacións Institucionais da Axencia Estatal da Administración Tributaria, elaborou unha proposta sobre a reorganización das Administracións da Axencia Tributaria, co obxectivo de que entre en funcionamento o 1 de xaneiro de 2007.
Na proposta de reorganización, a Delegación da AEAT na Estrada, que presta os seus servizos ás comarcas de Terra de Montes e Deza, ficaría relegada ao nivel 2 e vería as súas funcións moi limitadas, dado que deixarían de realizar o control e de levar o censo sobre os empresarios e profesionais, quedan excluídas das funcións de recadación, recursos, declaracións informativas e a eliminarían, entre outros, a unidade de módulos, moi importante na nosa comarca xa que é na que tributan a maioría dos labregos e labregas e dos autonomos e autónomas.
A proposta de reorganización foi elaborada en base a criterios de carga de traballo de cada unha das Delegacións esquecéndose totalmente da súa adecuación á estrutura do Estado e da necesidade de achegar a Administración á cidadanía. Polo que, o BNG mediante a moción que se defenderá mañá día 12 solicita ao Concello da Estrada que se dirixa ao Ministerio de Economía e Facenda solicitando a modificación da Proposta de Reorganización das Administracións da AEAT de 23 de novembro de 2005 e que a Delegación Comarcal da Axencia Tributaria na Estrada sexa clasificada de xeito que siga mantendo todos os servizo que presta actualmente. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |