Venres 07 de Abril de 2006 - 10:56
Os grupos parlamentares do PP e do PSOE opuxéronse esta mañá na Comisión de Economía do Congreso dos Deputados á proposición do BNG que pedía a participación das Comunidades Autónomas na formación, actualización e difusión do catastro inmobiliario. Dese xeito, a Comisión mencionada rexeitaba a iniciativa da deputada nacionalista Olaia Fernández Davila.
Olaia Fernández Davila, Deputada no Congreso dos Deputados, puxo de manifesto o malestar existente en concellos galegos como A Estrada porque os valores catastrais son excesivos e non se corresponden coa realidade das propiedades da xente, porque o IBI , un imposto vinculado ao territorio, e por tanto, a xestión descentralizada do catastro permitiría a súa adecuación ás características da propiedade de cada CC.AA. Ademáis, sinalou a deputada do BNG, a participación das Comunidades Autónomas nas funcións do catastro redundaría nunha maior eficacia e control da fraude, e posibilitaría unha mellor coordenación dentro da mesma Administración autonómica. Na súa intervención en defensa da proposición, Davila explicaba o sentido deste pedimento xa que "observamos múltiples deficiencias existentes á hora de acordar os valores catastrais". Nese sentido, salientou o malestar existente en concellos galegos como o de A Estrada onde a cidadanía amosa a súa disconformidade cando coñece os valores catastrais estabelecidos, e que en nada se corresponden coa realidade.
“Hai situacións de auténtica crispación entre a xente porque unha vez coñecidos os valores catastrais comproban que son verdadeiramente excesivos, que non se corresponden coa realidade das súas propiedades", enfatizou a deputada do BNG.
A xestión descentralizada do catastro permitiría a súa adecuación ás características das propiedades na Galiza
A parlamentar nacionalista puxo de manifesto a necesidade de adecuar o regulamento vixente á realidade territorial do Estado porque se trata dunha normativa xa caduca que mantén o mesmo deseño de reparto competencial anterior á entrada en vigor da Constitución de 1978, e na que o Estado ten o control de todas as funcións relativas á formación e mantimentos dos catastros.
Davila lembrou que a principal finalidade do catastro é a de servir de soporto para o IBI (imposto de bens inmóbeis), un imposto vinculado ao territorio, e por tanto, a xestión descentralizada do catastro permitiría a súa adecuación ás características da propiedade de cada CC.AA. Ademáis, sinalou a deputada do BNG, a participación das Comunidades Autónomas nas funcións do catastro redundaría nunha maior eficacia e control da fraude, e posibilitaría unha mellor coordenación dentro da mesma Administración autonómica.
Tanto o PP como o PSOE manifestaron o seu voto en contra desta iniciativa parlamentar, e defenderon que se trata dunha competencia do Estado por afectar directamente aos impostos. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |