Mércores 27 de Setembro de 2006 - 11:29
O TSXG rexeita o recurso presentado pola Delegación do Goberno en Galiza contra a bonificación do 37,5% dos recibos do IBI aprobada no Pleno do 9 de agosto cos únicos votos favorabeis do BNG, deixando moi claro que esta sentenza tiña encaixe legal, tal e como sinalabamos no seu día.
Na senteza o Tribunal salienta que o Concello ten autonomía para regular os seus impostos ao abeiro das súas competencias, e que, ao non danar o interese xeral, non cabe o recurso presentado pola Delegación. O recurso tamén foi rexeitado, tal e como xa anunciara o BNG no seu día, porque a Delegación remitiu fóra de prazo un requerimento para que o Concello retirara a bonificación, nun intento á desesperada de frear unha solución ao problema do IBI que foi aprobada cos únicos votos favorabeis do BNG.
Esta sentenza do TSXG deixa en evidencia ás dúas forzas maioritarias do noso Concello, PP e PSOE, que tendo un respaldo electoral máis amplo co BNG, non foron quen de solucionar un problema reivindicado desde a rúa por amplos sectores sociais, e tivo que ser o BNG, con 4 concelleiros, os que asumiran a responsabilidade de resolver a subida do IBI.
De todos os xeitos, a solución de bonificar co 37,5% os recibos da contribución é unha solución transitoria, pendente dunha nova ponencia de valores que axuste o desfase da ponencia actual, aprobada e asinada polo actual alcalde Ramón Campos. |