Martes 14 de Novembro de 2006 - 01:06
O BNG da Estrada presentou unha moción na que se solicitaba que todas as actas dos plenos se publicaran na web oficial do Concello. Na moción tamén se solicitaba que se puxeran a disposición dos veciños e veciñas as gravacións de audio e vídeo dos plenos. A moción foi aprobada por todos os grupos.
A través do proxecto A Estrada Dixital, que promove o uso e a implantación das novas tecnoloxías en distintos eidos do noso Concello (administración, agro, turismo, ...) gastáronse (e gastaranse) miles de euros con cargo aos distintos programas dos que se dota o proxecto, informatizando e levando as novas tecnoloxías a diversas dependencias municipais e seccións do entramado burocrático do noso Concello; así, informatizouse a policía local, camíñase cara a informatización total dos servizos administrativos do concello, etc. Tamén se dotou ao Concello dunha páxina web, que servirá de punto de partida para todos os servizos que se implantarán no futuro (administración electrónica...), servindo actualmente de portal de información veciñal, no que se dá conta das ordenanzas municipais, información diversa sobre o noso Concello, noticias, o PXOM, etc. Ao mesmo tempo, e con cargo ao proxecto A Estrada Dixital dotouse ao salón de plenos dun sistema informático que permite gravar en audio e vídeo os plenos da corporación. Con todas estas ferramentas a disposición do Concello consideramos que hoxendía non hai ningunha traba técnica, e moito menos legal, xa que as sesións plenarias son públicas, para poñer a disposicións de todas as veciñas e veciños as actas dos plenos ordinarios e extraordinarios, así como as gravacións dos plenos en soporte dixital, colgándoos da páxina oficial do Concello para que as veciñas e veciños teñan un acceso doado ao traballo que realizan os seus representantes políticos. Por todo isto o BNG propón ao Pleno a adopción dos seguintes acordos:
-
Que con carácter inmediato e con carácter retroactivo, se poñan a disposición de todas as veciñas e veciños a través da páxina oficial do Concello da Estrada todas as actas de plenos ordinarios e extraordinarios desde principio do presente ano e os que haxa a partires da adopción deste acordo.
-
Que se poñan a disposición de todas as veciñas e veciños a través da páxina oficial do Concello da Estrada todas as gravacións de audio e vídeo das sesións plenarias ordinarias e extraordinarias desde principio do presente ano e as que se realicen a partires da adopción deste acordo.
-
Que o formato dos documentos das actas e das gravacións sexan abertos e libres, porque entendemos que o acceso á información que ofrecen as administracións públicas non pode obrigar aos administrados a usar ferramentas que lles supoña comprar e licenciar produtos de empresas concretas para acceder a unha información que debe estar ao alcance de todas e de todos. |