Martes 14 de Novembro de 2006 - 12:42
O PP ven de rexeitar no pleno celebrado onte a súa entrada no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a colaboración na xestión dos servizos sociais no ámbito territorial dos concellos galegos. É dicir, que a Xunta faríase cargo de servizos que agora mesmo paga o xa excesivamente endebedado do noso Concello, como por exemplo a Gardería Municipal, que é xestionado por unha empresa privada e cuxa directora pasará a formar parte da plantilla do Concello. Neste sentido, na mesma moción, solicítase a paralización do proceso selectivo para a dotación da praza de Directora da EIM e amortizala no Cadro de Persoal do ano 2007.
Raquel López Doce denunciou que existe unha estratexia do PP de boicotear este Consorcio, como aconteceu co convenio das brigadas municipais anti-incendios. O Consello da Xunta de Galiza aprobou o 15 de xuño deste ano a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para a colaboración na xestión dos servizos sociais no ámbito territorial dos concellos galegos. Neste mesmo acordo autorizouse a sinatura do Convenio para a constitución do Consorcio entre a Xunta de Galiza, a través da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e os Concellos de Portas, Taboadela, Vilamarín, Boimorto, Carnota, As Neves, Outes, Xove, Cerdedo, Allariz, A Illa de Arousa, Laza, Ribadeo e Carballeda de Avia. Convenio que levou anexos os Estatutos que estabelecen o réxime orgánico, funcional e financeiro do mesmo. E o día 3 de xullo, procedeuse á sinatura do citado Convenio de Colaboración, coa súa publicación, xunto cos Estatutos do Consorcio, no Diario Oficial de Galiza nº 131 de data 7 de xullo de 2006.
A sesión constitutiva do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tivo lugar, o día 10 de xullo pasado; sesión na que, ademais de proceder á constitución formal dos órganos do Consorcio -Asemblea Xeral e Comité Directivo- e á elección do Vicepresidente, se adoptaron, entre outros, os seguintes acordos: aprobación do orzamento provisional para o ano 2006 e inicio dos trámites para a contratación do/a Xerente do Consorcio.
En consecuencia, dende a data da súa sesión constitutiva, o Consorcio atópase en pleno funcionamento, recibindo, neste período de tempo, perto de 80 novas solicitudes de adhesión de concellos e de conformidade co mecanismo previsto ao efecto nos estatutos do Consorcio.
O día 2 mes de outubro, celebrouse a sesión ordinaria do Comité Directivo do Consorcio, na que se adoptaron, entre outros, os seguintes acordos: admisión dun total de 77 concellos que tiñan solicitado formalmente a súa adhesión ao Consorcio e nomeamento, como Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a D. Lois Pérez Castrillo, unha vez rematado o proceso selectivo convocado ao efecto.
En consecuencia, a día de hoxe, forman parte do Consorcio un total de 100 entidades locais -entre elas, a Mancomunidade do Ribeiro- (tendo en conta os 14 concellos que inicialmente subscribiron o convenio para a súa constitución).
As primeiras estimacións que existen en relación aos orzamentos do ano 2007, sitúanse en torno aos nove millóns de euros –ampliabeis-, que estarían destinados unicamente a sufragar os gastos de funcionamento e mantemento dos centros existentes (escolas infantís, centros de día, residencias de maiores...).
Hai que aclarar, diante dalgunhas manifestacións partidistas e terxiversadoras do PP, que como consecuencia das negociacións e contactos mantidos coa FEGAMP no proceso de elaboración dos estatutos do Consorcio, estes reflexan moitas das cuestións demandadas en nome dos concellos, e así o recollen os estatutos publicados no DOG do 7 de xullo, como son:
- No artigo 1 se exclúen expresamente do Consorcio as cantidades que, para a asistencia social básica aos colectivos afectados, reciban os entes locais procedentes do plan concertado.
- Igualmente o artigo 1 recolle outra das cuestións reclamadas pola FEGAMP, consistente en que a entrada no Consorcio non suporá para os concellos incremento de gasto en relación á súa situación inmediatamente anterior e aos servizos xa en funcionamento.
- No artigo 8 dos Estatutos estabelécese que os concellos integrantes do Consorcio, que así o soliciten, poderán exercer a administración directa dos centros.
- E, respecto da figura do/a xerente do Consorcio, o artigo 15 configurao como un órgano unipersoal designado polo Comité Directivo, por proposta do/a presidente do Consorcio, de entre profesionais de acreditada cualificación; polo que, en consecuencia, se garante a participación dos concellos na súa selección.
Sen embargo tales modificacións foron novamente demandadas, como condición previa a súa incorporación ao Consorcio, por diversos concellos galegos, ben por manipulación partidista do PP ou ben por descoñecemento de que as mesmas xa foran convenientemente recollidas nos estatutos. En consecuencia, na sesión constitutiva do Consorcio celebrada en data 10 de xullo pasado, os/as membros da Asemblea Xeral decidiron pronunciarse expresamente sobre as propostas efectuadas por ditos concellos, ao obxecto de ratificar que as mesmas se atopaban recollidas nos estatutos definitivamente aprobados e de remover calquera atranco que puidera impedir a incorporación ao Consorcio de todos os concellos que así o desexasen.
Até 2010, o Consorcio investirá máis de 130 millóns de euros na creación, rehabilitación e xestión de centros de servizos sociais.
Ademais dos centros que prevé incorporar, o Consorcio permitirá a construción dun total de 121 novos centros na área de Igualdade -escolas infantís- e de 77 novos centros na área de benestar -entre residencias, minirresidencias e centros de día para a terceira idade e centros de atención á discapacidade-.
Prevese que o Consorcio poida xerar máis de 4.000 empregos nos distintos concellos implicados na súa actividade. Os centros en materia de igualdade xestionados polo Consorcio poderán xerar un total de 2.000 postos de traballo directos nos concellos en que se atopen e, no caso dos centros da área de benestar, poderán supoñer case 1.700 empregos directos e máis de 300 indirectos.
A creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar responde a varias finalidades fundamentais para o BNG: Necesidade de garantir a responsabilización pública e a cooperación interadministrativa na efectiva prestación de servizos sociais de ámbito local, en termos de equilibrio territorial na súa distribución, en condicións de calidade, e baixo o principio básico de proximidade. Modificar o modelo de prestación de servizos sociais existente, co fin de paliar as deficiencias que nestes momentos presenta: Oferta insuficiente, carácter fragmentario e descontinuo a efectos de xestión e cobertura territorial, e falla de mecanismos efectivos de coordinación entre os sistemas de protección social e os propios axentes. Implantación dun modelo homoxéneo na prestación de servizos sociais para garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recursos suficiente e equilibrada territorialmente; incremento dos niveis de cobertura, intensidade e horario de atención dos distintos servizos e prestacións; distribución efectiva dos servizos e prestacións a fin de dar resposta ás necesidades reais da poboación -asignando equitativamente o uso e acceso aos recursos sociais dispoñibles, a través de procesos de planificación previa, e tendo como principio de actuación o mantemento das persoas no seu propio contorno; contribuír á mellora das condicións de vida e sociais das persoas que presentan especiais necesidades de protección social nos concellos galegos, ao respecto da súa autonomía persoal, e calidade de vida persoal, familiar e de grupo.
Esta fórmula ten avantaxes indubidabeis que só desde o partidismo do PP e desde a utilización do Concello como ariete contra as políticas do BNG desenvolvidas desde o Goberno galego poden explicar as reticencias do goberno local a adherirse ao Consorcio.
Coa creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, arbítrase unha fórmula innovadora de xestión no eido das políticas de provisión de servizos sociais, orientada á garantir, en calquera caso, a prestación dun servizo de calidade e con niveis suficientes de cobertura poboacional e territorial.
A Administración Autonómica forma parte do Consorcio como consecuencia do exercizo de competencias que lle son propias: a planificación e programación e a ordenación e coordinación do sistema de servizos sociais galegos, en coherencia coas notas centrais que o caracterizan como sistema integrado e de responsabilidade pública.
Con pleno respecto ao principio de autonomía local, a administración directa dos centros será exercida polos concellos integrantes do Consorcio que así o soliciten, e sempre de acordo ás directrices xerais emanadas do mesmo. A prestación de servizos por parte do Consorcio non é en modo algún substitutoria de competencias municipais, senón unha ferramenta de complementariedade e apoio para os concellos que subministra orientación estratéxica, planificación e asistencia prestacional, especialmente naqueles casos en que os concellos, previsiblemente en atención á súa imposibilidade e/ou insuficiencia na prestación, expresamente o soliciten.
Por todo o dito, non comprendemos as reticencias e atrancos que o Goberno Local do noso concello está a poñer ao respecto. O noso concello precisa adherirse ao Consorcio para poder participar do mecanismo máis útil para lograr que os veciños e veciñas da nosa localidade podan disfrutar de servizos sociais públicos, de calidade e correctamente xestionados e financiados.
Por outra banda, o contrato coa empresa adxudicataria da xestión da Escola Infantil Municipal remata o vindeiro mes de decembro, por iso o Concello da Estrada debería adherirse ao Consorcio á maior brevidade e que a xestión da EIM a partir do mes de xaneiro sexa a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, polo que ao noso entender non procede continuar co proceso para facer fixa á Directora da EIM, xa que unha vez consorciada a EIM non procede ter tal posto no cadro de persoal municipal.
É por todo isto que propomos ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1.Adhesión do Concello da Estrada ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
2.Facultar á Alcaldía a formalizar a adhesión do Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
3.Paralizar o proceso selectivo para a dotación da praza de Directora da EIM e amortizala no Cadro de Persoal do ano 2007. |
Escrito por Visitante en 2006-11-29 10:30:20 isto cada dia é menos comprensible.Se a garderia pertencese a Xunta e non o Concello ajavascript:ac_smilie(' ') javascript:ac_smilie(' ')cabariase o enchufismo e eso sñores non é o q queren os actuais dirixenrtes | ¿Outro enchufe? Escrito por Visitante en 2006-11-16 14:28:59 ¿Cal é o nome da futura directora do EIM?, ¿De quen é filla, sobriña, prima, etc.? |
Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |