Luns 19 de Febreiro de 2007 - 18:59
Certo que no noso Concello non se constrúen barcos, malia todo o BNG da Estrada quere amosar o seu apoio ao Plan Industrial para o Estaleiro de Fene, presentado pola Consellaría de Industria, que consiste na desafectación de activos ociosos que hoxe existen en Navantia-Fene, para poder construír buques civís e crear 250 postos de traballo directos e 3.000 indirectos.
O BNG da Estrada solicita, nunha moción o apoio unánime das restantes forzas políticas do noso Concello, amosando así o firme apoio a esta iniciativa da Consellaría de Industria.
No BNG da Estrada, non entendemos de pactos segredos entre os sucesivos gobernos centrais do PP e do PSOE e a Unión Europea para prohibir a construción de buques civís en Ferrol, só entendemos que todos os galegos e galegas temos o dereito a traballar na nosa terra e en traballar en aquelo que sabemos facer ben: facer barcos, producir leite, pescar, etc. Por este motivo saudamos con ledicia a iniciativa da Consellaría de Industria, que dirixe o BNG, que conta coa apoio das máis importantes entidades financeiras do noso país, e que busca reflotar a industria da construción naval na castigada comarca de Ferrolterra, sometida a continuas reconversións e a continuos plans de re-industrialización que sempre quedaron en nada.
Foron decisións políticas dos sucesivos gobernos do PP e do PSOE as que aniquilaron o sector naval na Galiza. Agora é o BNG o que toma a iniciativa política para reflotar este sector, e espera contar con todos e con todas para sacar adiante este proxecto tan importante para Galiza e para Ferrolterra. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |