Venres 30 de Marzo de 2007 - 13:31
As grandes superficies deberán contar coa autorización previa da Consellaría de Industria
O BNG organizou onte unha charla informativa de Ana Rúa, Directora Xeral de Comercio, na que debullou anteproxecto de Lei de Comercio Interior de Galiza. Este acto foi presentado por Raquel López Doce, e contou tamén coa asistencia destacade Sindo Vilamaior, Presidente de ACOE.
 |
Sindo Vilamaior, Ana Rúa e Raquel López Doce |
Esta novidosa lei, renovará a que se a que agora mesmo está en vigor que data do ano 1988. Os principios reitores desta nova lei, que se aprobará no Parlamento, atópanse o desenvolvemento harmonioso, equilibrado e sustentábel das actividades comerciais, o fomento do asociacionismo, o desenvolvemento de políticas tendentes á protección das pequenas e medianas empresas comerciais e especial apoio ao comercio tradicional, así como a súa modernización e mellora. Ana Rúa destacou que a lei regulará materias de relevancia para o comercio como as condicións da oferta e o réxime dos prezos dos produtos e garantía e custodia dos artigos, co fin de presentar unha axeitada protección ás persoas consumidoras e para maior seguranza no sector. Cómpre subliñar a creación do Rexistro de Comerciantes e Actividades Comerciais de Galiza e o Consello Galego de Comercio, ámbalas dúas figuras de nova creación e que serán pedras angulares para unha axeitada ordenación comercial do país, posto que permitirán, no primeiro caso, a elaboración e actualización permanente dun censo comercial en Galiza –do que até o momento se carece– que contribuirá á definición das políticas de axudas públicas e facilitará o exercicio das funcións de control e tutela dos intereses públicos. No caso do Consello Galego de Comercio, este exercerá como órgano colexiado de participación, asesoramento e colaboración coa Administración Galega na ordenación da actividade comercial e será o instrumento que garantirá os intereses xerais en materia de política comercial.
Grandes estabelecementos comerciais
Unha dos aspectos salientábeis desta futura lei –coa que o Goberno Galego quere atender as necesidades propias e específicas do sector no país– estabelecerá tamén o réxime xurídico para a implantación dos grandes estabelecementos comerciais, tendo en conta as necesidades das persoas consumidoras e a modernización da estrutura comercial existente. Por iso define con claridade o que se entende por estabelecemento comercial, as súas clases e a súa variada tipoloxía, introducindo o concepto de “estabelecemento colectivo” ou outros conceptos básicos como o de “superficie de venda e exposición ao público” ou “área de influencia comercial”, que segundo Innovación e Industria, contribuirán a tomar decisións fundadas para os efectos de implantación.
Deste xeito, abórdase o réxime legal dos grandes estabelecementos comerciais, así como os estabelecementos coñecidos como de “desconto duro”, especialmente no que se refire á concesión de licencias para a súa apertura. Neste sentido resulta salientábel a esixencia, con carácter previo á correspondente licenza municipal, dunha licenza específica de carácter autonómico no caso dos grandes estabelecementos comerciais, pois o impacto comercial supramunicipal que supón a implantación dun estabelecemento destas características esixe a intervención preventiva da consellaría competente en materia de comercio interior.
Promoción de vendas e vendas especiais
Cómpre subliñar tamén a regulación das actividades comerciais de promoción de venda, entendendo como tales as vendas en rebaixas, as vendas en saldos, as vendas con desconto, as vendas con obsequio e as vendas directas realizadas por fabricantes ou maioristas. Así, resulta salientábel que a duración do período de rebaixas queda fixado nun mínimo dunha semana e un máximo de dous meses, de forma continuada. De igual xeito regúlanse tamén as modalidades específicas de venda ou vendas especiais, considerándose neste caso como tales aquelas que non son realizadas nun estabelecemento comercial aberto ao público de maneira permanente e, especialmente, as vendas a domicilio, as vendas a distancia, as vendas automáticas, as vendas ambulantes, as vendas en poxa pública e as vendas ocasionais.
A nova lei refírese tamén ás actividades feirais, regulando o seu desenvolvemento e contemplando como excepción a posibilidade de habilitar a práctica da venda directa con mercadoría, sempre que así o autorice a dirección xeral competente en materia de comercio, en virtude das características da oferta exhibida. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |