Mércores 20 de Xuño de 2007 - 18:59
O BNG non quere máis do que lle corresponde, pero tampouco menos do asinado polas dúas forzas políticas a nivel galego
O BNG mantivo onte a cuarta reunión co PSOE da Estrada para acadar un co-goberno no noso Concello, cuestión esta que non foi posíbel logo de que este partido presentara, outra vez, unha oferta pechada e inamovíbel, o que demostra que o PSOE non quere un co-goberno co BNG, ao mesmo tempo que evidencia unha falla de diálogo impropia dunha forza política que ten que gobernar en minoría.
Como é público e notorio as dúas forzas políticas asinaron a nivel galego un acordo para co-gobernar nos Concellos onde ningunha das dúas forzas políticas acadaran a maioría absoluta. Con este acordo, que asinaron Touriño e Quintana, ten que reflectirse que estes gobernos municipais están dirixidos por dúas forzas políticas, gobernando un número de áreas en función da súa representatividade nese goberno. Alén diso, o Acordo compromete a que a segunda forza acada a Primeira Tenencia de Alcaldía, para reflectir, precisamente, que hai dúas forzas políticas, e non unha , á que se lle uniu unha serie de concelleiros.
O BNG cumpriu co esixido no Acordo Nacional,...logo de absterse na sesión de investidura, facilitando así a investidura de José Antonio Dono como Alcalde da Estrada. O PSOE non. O PSOE non quere un co-goberno.
O BNG non quere máis do que lle corresponde, pero tampouco menos do asinado polas dúas forzas políticas a nivel galego; deste xeito considera irrenunciábel que a primeira tenencia de Alcaldía sexa para o BNG, tal e como se reflicte no Acordo Galego asinado por Touriño e Quintana. Alén diso, e en función da súa representatividade dentro dese teórico co-goberno, ao BNG correspóndelle o 25% das áreas, cuestión esta que é coincidente coa última oferta do PSOE, que plantexaba que Benestar Social e Igualdade, Industria, Comercio e Turismo, Facenda e Contas ou Feiras, Festas e Mercados, serían as competencias municipais que lle corresponderían ao BNG. Con todo, as preferencias do BNG neste eido sería substancialmente diferentes, xa que se decantarían por Medio Rural, Benestar Social, Industria, Comercio e Turismo, e Cultura ou Mocidade ou Deportes.
A continuación podedes descargar un cadro comparativo entre o Acordo Marco asinado polo PSOE e o BNG nacional, a proposta do PSOE da Estrada e o a proposta do BNG. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |