Mércores 05 de Setembro de 2007 - 14:52
Hai algo máis dun ano o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, daba conta na Estrada da creación dunha Comisión para a realización dun Proxecto de Revitalización da parroquia de Sabucedo. Esta comisión está integrada pola Vicepresidencia da Xunta de Galiza, a Consellaría de Medio Rural e Consellaría de Vivenda e pretende promover un conxunto de iniciativas para favorecer o desenvolvemento integral do lugar de Sabucedo.
Pois ben, logo dun ano de reunións empezan a verse os primeiros froitos, xa que a Consellaría de Innovación e Industria aportará 315.000 euros para levar a cabo o acondicionamento do entorno do Campo do Medio de Sabucedo, que é de vital importancia para o turismo da zona, pois é neste lugar onde se celebran a verbena e demais actos da tradicional Rapa das Bestas. O obxectivo desta actuación é proceder á dinamización desta área rural e potenciar a celebración da Rapa das Bestas, conservando e valorizando os recursos etnográficos, culturais, paisaxísticos e medio ambientais da parroquia de San Lourenzo de Sabucedo e, en xeral, da comarca.
Dende o BNG da Estrada valoramos moi positivamente esta iniciativa da Consellaría de Innovación e Industria que ven poñer as cousas no seu sitio, logo que desde distintos ámbitos da política estradense se acusara á Consellaría gobernada polo BNG de falta de sensibilidade coa Estrada, o cal é radicalmente falso como se ven de demostrar, aínda que tamén o demostran outras iniciativas como pode ser a Cidade do Moble. Asemade, outras Consellarías dirixidas polo BNG, por exemplo a Consellaría de Medio Rural, tamén teñen A Estrada entre as súas prioridades, como o demostra o orzamento record (4.600.000 euros) desta Consellaría para o 2007 en distintas actuacións no noso Concello (concentracións parcelarias, Monte Cabalar, etc). Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |