Xoves 22 de Novembro de 2007 - 17:15
O Concello da Estrada contará por primeira vez cun Regulamento de Participación Cidadá grazas á iniciativa do BNG
O BNG cumpre así coa promesa que fixo ao presentarse ás eleccións municipais e tamén co acordo de Co-Goberno Municipal asinado co PSOE
O Regulamento de Participación Cidadá foi unha iniciativa do BNG no último mandato do Partido Popular, presentando unha moción no Pleno Ordinario do mes de maio de 2006, pero que nunca se chegou a discutir en comisión algunha porque o PP non tiña o máis mínimo interese en dotar aos veciños e veciñas da Estrada dun instrumento desde o que puideran canalizar as súas demandas, e favorecer a participación activa de todos os veciños e veciñas na vida do seu Concello dende distintos ámbitos de actuación: a parroquia, a entidade cultural, deportiva, dende o traballo e a empresa, etc.
O Regulamento de Participación Cidadá foi unha das promesas do BNG cando se presentou ás eleccións municipais no pasado mes de maio, e tamén foi un dos aspectos contemplados no acordo de co-goberno co PSOE, e dende onte é xa unha realidade, logo de ser aprobado por maioría absoluta do Pleno da Corporación, a iniciativa do Concelleiro de Participación Cidadá, o nacionalista Xan Carlos Castro Blanco.
(Descarga o Regulamento aprobado)Ao entender do BNG o regulamento aprobado a proposta do noso grupo municipal fomentará a participación cidadá, así como a transparencia na xestión do Concello, facéndoo máis aberto e democrático na súa toma de decisións.
Este Regulamento contempla a creación de distintos foros sectoriais entre os que destacan a creación do Consello Económico e Social no que terán representación sindicatos, asociacións de empresarios e grupos políticos. Tamén se contempla a a creación dun Consello de Relacións Veciñais e o Consellos Parroquiais, que serán foros onde os veciños e veciñas fagan propostas relativas ao funcionamento dos servizos e actuacións municipais. Tamén contempla a participación directa dos veciños e veciñas nos plenos, mediante a presentación de iniciativas ou no apartado de rogos e preguntas. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |