Venres 08 de Febreiro de 2008 - 20:30
Os veciños e veciñas da Estrada xa ditaron sentenza nas pasadas eleccións municipais, e esa é a sentenza que lle vale ao BNG
A loita que desempeñou o BNG ao logo destes 13 anos impediu a desfeita urbanística no noso Concello
Os feitos denunciados remóntanse aos anos 1993 e 1994 nos que o Grupo de Governo Municipal do Partido Popular, presidido por Ramón Campos, aproban as licenzas dos edifícios situados na intersección da rúa Pérez Viondi con Irmáns Valadares (con 2 alturas máis do permitido) e os edifícios da prolongación de Xusto Martínez (cunha...altura máis do permitido para esa rúa, sendo a prolongación máis estreita), en contra dos informes dos técnicos municipais, xa que vulneraban a normativa urbanística vixente. O BNG ante estes feitos e moitos outros, xa que isto non é un feito illado e probas témolas dabondo (alturas desmesuradas, uns edificios máis altos que outros, retranqueos que non se respectan, derrube de edificios emblemáticos da vila, edificacións que non respectan o proxecto, etc), e, o BNG, esgotando todas as vías políticas ao seu alcance, e logo de reiterar nos plenos que o goberno do PP actuaba dun xeito arbitrario, concedendo licenzas ilegais, e advertindo da ilegalidade cando se adoptaron os acordos, -mesmo chegou a solicitar que o voto fora nominal para que se plasmase na acta o sentido do voto de cada quen-, decide recorrer á xustiza como último recurso, para evitar que este goberno do PP se saltara unhas normas urbanísticas que deberían iguais para todos.
Así as cousas, en 1995 o BNG presenta perante a Audiencia de Pontevedra unha querela contra o grupo de goberno do Partido Popular, que xa na fase de instrución previa aprecia un presunto delito de prevaricación.
Por motivos de competencia da Sala da Audiencia de Pontevedra, houbo que demostrar que as licenzas non se axustaban a dereito e o BNG interpón un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, e o 3 de novembro de 1997 dito Tribunal ANULA POR SER CONTRÁRIAS A DIREITO as resolucións do 8 de novembro de 1993 e do 5 de agosto 1994, nas que se concedían as licenzas anteriormente citadas.
O PP recorre esta sentencia perante o Tribunal Supremo, e ratifica o expresado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. É dicir, que as licenzas aprobadas polo PP eran ilegais, cuestión esta que reiterou o BNG nos plenos, e así consta en acta; polo tanto os Concelleiros estaban ben avisados, non só polo Bloque, senón tamén polos técnicos municipais que emitiron informes en contra da concesións destas licenzas. A propia sentenza da Audiencia recolle a ilegalidade das licenzas nos Feitos Probados.
O xuízo continúa na Audiencia de Pontevedra, neste caso polo penal contra o Grupo de Goberno Municipal do PP, presidido por Ramón Campos, e ministerio fiscal (o avogado do Estado) cualifica os feitos como "constitutivos dun delito de prevaricación urbanística", solicitando penas de inhabilitación especial para emprego ou cargo público ademais dunha multa, petición que coincide en esencia coa solicitada pola acusación particular que representa ao BNG. En resumo, logo dunhas cantas sesións no xulgado temos a sentenza xudicial que levamos agardando 13 anos. Lamentabelmente por mor da lentitude da xustiza, esta sentenza chega cando case todos os seus protagonistas xa non están na vida política activa.
O máis lamentable desta sentenza da Audiencia de Pontevedra non é a absolución dos Concelleiros do PP, senón que ven a fixar o "barra libre" a nivel urbanístico e administrativo, non só na Estrada senón en xeral, porque con contar cun informe externo que dean por bo o que os funcionarios municipais dan por ilegal e, con alegar que non se está obrando con mala fe, nin ter conciencia da "ilegalidade ou da arbitrariedade" xa é suficiente para saltarse a normativa, se facemos caso desta sentenza. Neste sentido a sentenza di literalmente que "todos os acusados manifestan que ninguén lles informou da ilegalidade, e en ningún momento pensaron que podían cometer un delito"; isto é falso, primeiro porque os funcionarios municipais emitiron informes en contra, e segundo, porque o BNG reiterou no pleno a ilegalidade das mesmas, que quedou ratificada pola sentenza do Tribunal Supremo.
Por este motivo é incompresíbel que a Audiencia de Pontevedra se escude na presunta ignorancia da lei dos acusados, cando é sabido por todos e todas que o descoñecemento non exime do cumprimento das leis, un criterio que aos demais mortais se nos aplica se dubidalo, e iso sábeno ben os veciños e veciñas da Estrada. Alén disto, a sentenza é sesgada porque se entromete na vida política entrando a valorar a xudialización da vida política. Desde logo cando alguén recorre a xustiza é para buscar precisamente iso, xustiza, porque se lle esgotaron todos os demais recursos para reparar un dano, ou evitar que determinadas actuacións non axustadas á legalidade, e prexudiciais para o conxunto da comunidade, como no caso que nos ocupa -insistimos na demostración de que as licenzas son ilegais-, deben ter freo, e deberían implicar responsabilidade, cuestión que agardabamos desta sentenza.
Entendemos a diferenza da Audiencia Provincial que ao igual que os cidadáns, a administración, tanto no nivel político dos órganos de goberno que a dirixen, como dos funcionarios ten que actuar cumprindo a lexislación, e a quen non o faga deben esixírselle
responsabilidades, ou non estamos nun Estado de Dereito?.
O BNG da Estrada pensa que con esta loita que desempeñou ao logo deste 13 anos impediu a desfeita urbanística no noso Concello, e mesmo esta loita serviu para apear ao PP do goberno municipal, e sen nengunha dúbida, se o BNG non chega a poñerlle freo a esta situación a Estrada estaría hoxe moito peor e todos os aspectos, o que demostra a utilidade do BNG como organización política, malia a que os votos os leven outros.
Os veciños e veciñas da Estrada xa ditaron sentenza nas pasadas eleccións municipais, e esa é a sentenza que lle vale ao BNG. O Bloque Nacionalista Galego non ten interese en perseguir xudicialmente a ninguén, senón evitar que estas causaran un maior prexuízo, e iso conseguiuse xa que todas as persoas encausadas, agás unha, están hoxe en día fora da política. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |