A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, prevé aprobar o proxecto sectorial do Parque Empresarial Cidade do Moble da Estrada no primeiro semestre de 2008, unha vez finalizada a tramitación administrativa.
A día de hoxe, a Consellería está ultimando a reformulación do proxecto sectorial, unha vez recibidos os estudios que estaban pendentes doutros departamentos autonómicos, para levar a cabo as incorporacións indicadas. Unha vez reformado o proxecto sectorial, este documento debe obter o correspondente informe de declaración de impacto ambiental, que emite a Consellería de Medio Ambiente e, finalizado este trámite, pasa a Dirección Xeral de Urbanismo, dependente da COTOP, último trámite na tramitación do proxecto sectorial previo a súa aprobación definitiva polo Goberno galego no Consello da Xunta.
A propia conselleira de Vivenda e Solo lle explicou este cronograma á portavoz municipal do BNG no Concello da Estrada, Raquel Arias, nunha reunión celebra hoxe, na que tamén participou o director xeral do IGVS, Daniel Pino.
O departamento autonómico ten xa reservada unha partida de 9,5 millóns de euros no orzamento de 2008 para a execución deste parque, e prevé iniciar a adquisición de solo este mesmo ano.
A superficie total da Cidade do Moble ascende a 528.350 metros cadrados cun investimento de 33,5 millóns de euros. A superficie destinada a solo empresarial é de 302.924 metros cadrados, mentres que os servizos comúns que alberga o parque ocupan 31.795 metros cadrados, e os 193.631 metros cadrados restantes destínanse a equipamentos, zona verde e sistema viario.
O futuro parque empresarial Cidade do Moble estará dotado de infraestruturas de calidade e de espazos comúns para, por unha banda, fomentar a creación de novas empresas e, por outra banda incrementar as sinerxías e a cooperación empresarial coa conseguinte redución dos custes de produción e o incremento da profesionalización do sector do moble en Galiza.
Powered by AkoComment 1.0 beta 2!