Domingo 13 de Abril de 2008 - 14:21
o BNG da Estrada solicítalle ao señor Palmou e ao PP que fagan as xestións oportunas para que a Deputación de Pontevedra, cando menos, aporte á Fundación de Exposicións outros 60.000 euros como fai a Consellaría
o PP neste momento ten as rendas da Fundación, así que, deles depende seguir como até agora ou darlle un novo rumbo a esta e ao sector
En contestacións á rolda de prensa do Señor Palmou onde presentaba unha serie de iniciativas relacionadas coa Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, o BNG quere facer as seguintes precisións: O Padrodado da Fundación de Exposicións e Congresos está formado por 15 persoas, onde están representadas a Consellaría de Innovación e Industria, o Concello da Estrada, a Deputación de Pontevedra, a Cámara de Comercio de Vilagarcía e a Asociación Comarcal de Empresarios. A Consellaría como tal ten 3 representantes, un deles o Conselleiro, Fernando Blanco, que é o Presidente da Fundación. O BNG da Estrada non ten representación no Padroado.
Así as cousas, o Señor Palmou pregúntase se a Consellaría vai apoiar á Fundación de Exposicións e Congresos como institución e sede de exposicións do moble, algo que ao noso entender denota unha actitude demagóxica e hipócrita deste deputado en concreto e do PP en xeral.
En primeiro lugar se cando estamos a falar de apoio falamos de cartos, dicir que a Deputación de Pontevedra, unha das únicas institucións supramunicipais que quedan en mans Populares, non aporta nin un so euro á Fundación. Fronte iso, a Consellaría de Innovación e Industria, co mesmo número de representantes, aporta 60.000 euros. Polo tanto, se vamos a falar de “apoio”, o BNG da Estrada solicítalle ao señor Palmou e ao PP que fagan as xestións oportunas para que a Deputación de Pontevedra, cando menos, aporte á Fundación de Exposicións outros 60.000 euros como fai a Consellaría. O apoio á Fundación e ao sector do móbel non se fai só inaugurando exposicións, senón con cartos e o PP nisto, e visto os feitos, non pode dar leccións a ninguén.
En segundo lugar, o Señor Palmou esquece que é o PP o que ten maioría no padroado da Fundación, que impuxo cos seus votos un xerente determinado. Polo tanto, a responsabilidade do resultado desta xestión correspóndelle a quen o elixiu (recordemos que o déficit de 2007 é de máis de 100.000 euros). Coa dimisión do xerente imposto polo PP ábrese outra oportunidade para profesionalizar a xerencia da Fundacións e Exposicións, tal e como pretendía a Consellaría, e o PP neste momento ten as rendas da mesma, así que, deles depende seguir como até agora ou darlle un novo rumbo á Fundación e ao sector.
En terceiro lugar, o BNG da Estrada comparte a preocupación do señor Palmou, que ve como en distintos recintos feirais, creados ao chou polo PP durante os anos de mandato na Xunta, se organizan feiras do moble (Lugo e Vilagarcía principalmente). Pero se tanta preocupación ten, que lle dea ordes aos representantes do PP nos distintos padroados para que se opoñan á organización de eventos deste sector tan importante para A Estrada. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |