Mércores 24 de Xuño de 2009 - 12:16
Carme Adán lembra que as ANPAs da localidade “teñen manifestado as súas queixas polos problemas nos horarios e as malas condicións no transporte”
A deputada do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme Adán, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda á Xunta de Galiza que mellore as condicións do transporte escolar na comarca da Estrada. Carme Adán subliña que as ANPAS da comarca “teñen formulado ante diferentes administracións as súas queixas polos problemas nos horarios e nas malas condicións nas que se realiza o servizo”.
A deputada do BNG lembra que “o alumnado galego percorre moitos quilómetros cada curso e sobre as súas consecuencias, en forma de máis riscos de accidentes, máis tempo no camiño, e polo tanto máis cansazo e esforzo para cumprir os obxectivos educativos, e tamén menor tempo para o lecer e o descanso”.
Neste sentido, Carme Adán considera “necesario” que dende a Xunta de Galiza se tomen medidas para reducir a antigüidade dos vehículos, impulsar a dotación de medios materiais e tecnolóxicos de seguridade, establecer dereitos e deberes dos e das usuarios/as, establecer tempos de espera, as paradas, as vixilancias.
“En resumo –subliña-, a Administración ten que racionalizar e dotar de maiores condicións de seguranza o servizo de transporte escolar”.
Ante esta situación, a deputada do BNG demándalle á Consellaría de Educación que adopte medida para mellorar as condicións do transporte escolar na comarca da Estrada e que concrete os prazos nos que as vai pór en marcha. |