Venres 17 de Xullo de 2009 - 09:50
A Cidade do Móbel foi unha das demandas do BNG para o sector do mobél, cuestión que conta co respaldo dos mobleiros, do empresariado en xeral, do comercio, en definitiva de todo o tecido produtivo e social do noso concello. O noso Concello necesita empresas, necesita reactivar un dos sectores estratéxicos máis importantes, o móbel, e este só será posíbel se contamos coa ferramenta axeitada, é dicir, a Cidade do Móbel.
Pero se socio-economicamente é amplamente demando este polígono sectorial, desde eido político tamén. Así o 11 de decembro de 2008, o Pleno da Corporación do Concello da Estada, aprobaba por unanimidade, a instancias do BNG, unha moción na que se apoiaba a construción da Cidade do Móbel en Lagartóns.
A Cidade Móbel saíu adiante grazas ao impulso que lle deu a Consellaría de Vivenda e Solo dirixida pola nacionalista Teresa Táboas. Concretamente en xullo de 2006 anunciábase a súa inclusión no Galiza Suma, un programa de construción de parques sectoriais en toda Galiza.
A Cidade do Móbel ten todas as garantías medio ambientais
Como non podía ser doutro xeito, dada a ubicación prevista para a Cidade do Móbel, esta cumpre con todas as garantías medioambietais previstas na lei para, non só protexer, senón rexenerar unha área especialmente degradada pola instalación sen ningún tipo de control de industrias e empresas.
Así, o Proxecto Cidade do Móbel non afecta a ningunha masa de auga (regato Matamulleres e humidal de Lagartóns), manténdose como zonas verdes.
Ademais, o Proxecto deseñado pola Consellaría de Vivenda conserva integramente a vexetación de ribeira e eliminaranse as especies alóctonas, isto é, todas aquelas que non sexan autóctonas de Galiza (eucalipto, por exemplo).
E non só iso, senón que o Proxecto Cidade do Móbel contempla tamén unha depuradora adicada en exclusiva aos residuos xerados polo polígono. Tamén inclúe un sistema de pre-tratamento das augas pluviais previos ao seu vertido ao río Liñares consistentes en desbaste e desareado.
A Cidade do Móbel porá fin á agresión ecolóxica e medio ambiental, ademais do caos urbanístico que supón o actual estado de alegalidade das instalacións industriais, que hai na actualidade, e que se instalaron alí durante os sucesivos mandatos do PP no Concello, pola falta de solo industrial.
Atrancos
Como dixemos, o proxecto Cidade do Móbel concrétase a partires de 2006. Desde entón até hoxe someteuse reiteradamente a informes, exposicións públicas, etc, un proceso longo, non exento de retrasos, algúns foron denunciados polo BNG, como foi o caso de Augas de Galicia (Consellaría de Medio Ambiente), o 13 de outubro, que tiña pendente de emitir un informe, -fora solicitado o 7 de maio-, imprescindíbel para que a Cidade do Móbel continuara o trámite administrativo.
Só faltaban 5 meses
O 18 de novembro de 2008, a Consellaría de Vivenda e Solo remite á Consellaría de Medio Ambiente toda a documentación necesaria para o ditame da memoria ambiental. De aquí pasaría á Dirección Xeral de Urbanismo, para finalmente aprobar o proxecto no Consello da Xunta.
En resumidas contas, contados a partires do 18 de novembro ao proxecto Cidade do Móbel só lle restaban 5 meses para que este fora aprobado, pero desde que entrou na Consellaría de Medio Ambiente, que dirixía o socialista Pachi Vázquez, nunca máis se soubo.
Compromiso e transparencia
O BNG da Estrada, así como a Consellaría de Vivenda e Solo, dirixida naquel entón por Teresa Táboas, sempre fomos moi claros á hora de explicar en cada momento que punto se atopaba a tramitación do proxecto, mantendo en reiteradas ocasións reunións co sector, tanto na Consellaría como a nivel local.
O compromiso do BNG coa Cidade do Móbel quedou claro desde un principio da súa tramitación, mesmo moito antes, xa que a creación dun polígono sectorial sempre foi unha das nosas demandas históricas para A Estrada.
Non así as outras forzas políticas. Por iso, pedímoslle ao PSOE que clarifique que foi o que pasou co proxecto da Cidade do Móbel desde que este saíu da Consellaría de Vivenda e Solo o 18 de novembro de 2008. Desde logo, o alcalde ten que mirar polos intereses do noso Concello, pero antes de poñerse diante dunha pancarta, ten que pedirlle explicacións ao seu compañeiro de partido, Pachi Vázquez, e logo darllas ao pobo da Estrada. Se non é así, calquera iniciativa súa carecerá de lexitimidade.
Cambio de goberno
O 1 de marzo o goberno da Xunto mudou de signo político. Agora é o PP o que ten a responsabilidade no seu tellado, e son eles, agora, os que teñen que aprobar a Cidade do Móbel na ubicación que estaba proxectada, é dicir, en Lagartóns, xa que así o demandou por unanimidade o Pleno da Corporación o 11 de decembro de 2008.
O PP non pode paralizar este proxecto, escudándose nunha suposta non inclusión no plan de polígono industriais, xa que isto é falso. A orde a que alude o Sr. López, unha orde da Consellaría de Vivenda e Solo, publicada no DOG o 1 de agosto, di que “Os proxectos sectoriais que se atopan na actualidade en tramitación e que obedecen ao desenvolvemento do devandito plan sectorial continuarán tramitándose de acordo coa normativa de aplicación”; e engade que se acorda “desistir da tramitación das actuacións recollidas no citado plan sectorial, nas localidades de Muxía, Carnota, Porto do Son e Xove-Cervo por non se adecuaren estas aos obxectivos e criterios dunhas actuacións racionais e de auténtica ordenación territorial”. É dicir, nesta orde na que se deixa sen efecto o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galiza, non lle afecta á Cidade do Móbel, por estar este en trámite.
O PP non pode dicir agora que a Cidade do Móbel non é prioritaria para a Estrada, amparándose nuns escuros condicionantes medioambientais, xa que a Cidade do Móbel cumpre escrupulosamente a lexislación medio ambienta.
Polo tanto, aos veciños e veciñas da Estrada non se nos enganará con “espellos con brillo”, como di a canción Maldición de Malinche. A posíbel ubicación do centro de emerxencias 112 na Estrada, non se pode ser a cambio de paralizar definitivamente ou cambiar de Concello a ubicación da Cidade do Móbel.
O PP non pode tirar balóns fóra botándolle a culpa, coma sempre, ao bipartito. O PP ten responsabilidades de goberno, xa non é oposición, e os veciños e veciñas da Estrada queren saber se se vai construír ou non a Cidade do Mobel en Lagartóns. |