Domingo 20 de Decembro de 2009 - 16:30

A alegación do PP non resolve nada, salvo os intereses particulares de algún dos seus militantes
Tiveron que pasar varias semanas para que se empezaran a coñecer os detalles que se agochan detrás da “reunificación” do PP Estradense. Hoxe un medio de comunicación dá conta dunha das condicións do retorno de CIDEGA ao fogar popular estradense, e non é outra que unha posíbel modificación do trazado da autovía Santiago-A Estrada, que afecta a unha finca dunha das recentes fichaxes do PP estradense. Isto fainos sospeitar que o tan cacareado regreso sen condicións dos “enfant terribles” era mentira, e detrás deste regreso hai oscuros intereses, que, como neste, se irán descubrindo co paso do tempo.
Isto demostra o que xa sabíamos todos, que o PP só se move por intereses persoais, non polo interese xeral e o beneficio de todos e todas. O trazado elixido pola Consellaría para a autovía Santiago-A Estrada e que defendeu o PP local con uñas e dentes, e que parecía inamovíbel, podería mudar sutilmente para beneficiar a un dos seus, se prospera a alegación presentada polo PP da Estrada, e non para beneficiar a todos os veciños da Estrada,.
Malia todo, esta alegación do PP, que contempla unha mínima variación do trazado, non resolve o principal problema que ten o deseño feito pola Consellaría de Política Territorial e Infraestruturas, que non é outro que a comunicación cos polígonos industriais de Toedo e da Cidade do Móbel, así como a necesaria consignación nos orzamentos da Xunta para que esta autovía sexa unha realidade en 2013 tal e como pide o BNG na súa alegación. No BNG agardamos que, polo interese de todos e non duns poucos, sexa considerada a alegación presentada por nós; se é rexeitada o PP demostrará que só pensa en nos seus intereses persoais.
|