Martes 16 de Febreiro de 2010 - 15:17
O BNG da Estrada pide a continuidade do modelo de
xestión conxunta dos montes e o cumprimento dos compromisos adquiridos pola
Administración cos promotores da UXFOR
As UXFOR ( Unidades de Xestión Forestal) caracterízanse polo agrupamento de
parcelas cara a súa xestión en común seguindo un plan, o Instrumento de Xestión
Forestal Específico (IXFE), establecido e aprobado pola Asemblea de
propietarios. Este instrumento de mellora dos nosos montes foi posta en marcha
polo BNG no período que goberno a Xunta de Galiza, en concreto, a Consellaría de
Medio Rural.
Entre as súas vantaxes, as UXFOR caracterízanse pola
recuperación e posta en valor da propiedade forestal abandonada, a consecución
de unidades produtivas de maior tamaño, que permitan e optimicen a rendibilidade
do monte, así como unha xestión común e profesional do monte. Todo iso redunda
non só nun mellor aproveitamento do monte, senón que diminúe considerabelmente o
risco de incendios forestais.
Na nosa localidade púxose en marcha a
UXFOR: A Coviña, na parroquia da Somoza, impulsada pola Cooperativa Monte
Cabalar, e a de Contumil, en presolucitude. Entre ambas as dúas xestionarían
máis de 40 hectáreas de monte, correspondentes a 130
propietarios.
Mais non só na Estrada se puxeron en marcha UXFOR, tamén en
Silleda, Forcarei, Rodeiro e Agolada, todos estes concellos cunha ampla
extensión forestal, e cunha característica común, o abandono, feito este que se
quere corrixir a través das Unidades de Xestión Forestal.
O BNG ve con
preocupación a continuidade deste modelo de xestión posto en marcha polo
anterior executivo da Xunta. Neste sentido, o BNG da Estrada ven de presentar no
rexistro do Concello unha moción coa que se pretende conseguir o respaldo
unánime do pleno da Corporación ás UXFOR, solicitando da Xunta de Galiza non só
a continuidade do modelo de xestión conxunta, senón tamén a axilización dos
trámites para a constitución daquelas UXFOR que tiveran iniciado o proceso de
constitución, así como o cumprimento dos compromisos adquiridos pola
Administración cos promotores das UXFOR. Only registered users can write comments. Please login or register. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |