Domingo 07 de Marzo de 2010 - 20:47
As UXFOR son un modelo de xestión esperanzador para os propietarios e para o conxunto do sector forestal
O PP paraliza as UXFOR por unha decisión baseada no rancor político
Esquecer as UXFOR servirá para seguir desviando os fondos de xestión forestal cara os servizos de extinción de incendios facendo perdurar no tempo o caos do monte
A paralización das UXFOR responde a unha actuación caprichosa por parte do PP, consecuencia dun discurso maliciado cando estaba na oposición, que mesmo foi incapaz de fundamentar ideoloxicamente -por canto a propiedade aínda sae reforzada e clarificada despois da identificación da propiedade e rexistro da sociedade e dos socios copartícipes coa correspondente participación- e que, unha vez que pasa a asumir funcións de goberno, resulta unha actuación desleal cos afectados aos que, amais, causa prexuízos.
O monte é un caos retroalimentado, entre outros factores, por unha pequena propiedade fragmentada en moitas parcelas nas que hoxe é imposíbel realizar xestión forestal mecanizada e sustentábel. As UXFOR implantadas polo BNG cando dirixía a Consellaría de Medio Rural na lexislatura pasada, son o resultado dunha reflexión, xa vella no sector, que atopou na unidade de xestión o xeito de resolver a fragmentación da propiedade. Isto permite, á súa vez, dirixir cara a propiedade forestal e cara un monte ordenado e produtivo as partidas orzamentarias que a nivel europeo, estatal e autonómico foron creadas para realizar xestión e ordenación. Esquecer as UXFOR servirá para seguir desviando os fondos de xestión forestal cara os servizos de extinción de incendios facendo perdurar no tempo o caos do monte.
Estando de acordo, como di López Campos, coa filosofía e utilidade das UXFOR e diante dun feito tan evidente como é a positiva recepción que por parte da sociedade tivo a utilidade das mesmas, -48 constituídas ou en proceso en menos dun ano-, a única acción fundamentada que lle cabe ao Goberno da Xunta é, a través de modificacións ao decreto, realizar aquelas correccións que, a criterio dos servizos xurídicos, resolvan os "defectos do modelo" e permitan iniciar o rexistro das UXFOR como persoas xurídicas. Xa o di o propio López, Portavoz Municipal do PP, se a propiedade da terra está garantida legalmente, e grazas á xestión conxunta pasa a ser unha participación nunha sociedade, daquela só lle resta dicir sociedade "limitada de propietarios" e, como López debera ter certos coñecementos de dereito mercantil, sabe que só falta rexistrar a sociedade no rexistro mercantil e o proceso é incuestionábel en dereito.
Se despois dun ano isto non se fixo e se segue a falar dos "defectos" sen concretalos e presentar a solución respectiva, para o BNG é evidente que a paralización das UXFOR é unha decisión baseada no rancor político exclusivamente e non unha decisión tomadas por cuestións técnicas ou xurídicas. Ademais, se o PP liquida as UXFOR estará derramando un valioso traballo de intervención social, toma de decisións e organización dos propietarios, que estaba actuando como revulsivo e modelo de xestión esperanzador para estes e para o conxunto do sector forestal.
Only registered users can write comments. Please login or register. Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |