Martes 19 de Novembro de 2002 - 00:00
Intervención de Francisco Rodríguez, Deputado no Congreso, defendendo unha iniciativa para instar ao Governo para tomar medidas urxentes para atallar a catátrofe do "Prestige". Para a defensa da iniciativa do Grupo Parlamentário
Mixto, ten a palabra o señor Rodríguez.
O señor RODRÍGUEZ SÁNCHEZ: Gracias,
señora presidenta.
Señoras e señores deputados, o Bloque
Nacionalista Galego quere comezar dicendo que
actuou con dilixéncia á hora de
enfrentar esta catástrofe. Rexistramos
a interpelación que vai ser sustanciada mañá,
o dia 14 xoves da semana pasada e tamén a proposición
non de lei que é obxecto agora de debate. E o fixemos
porque sabíamos que ia haber consecuéncias
prexudiciais para o noso país, e agora podemos
mesmo valorá-las en toda a sua dimensión.
Non nos lembramos, portanto , señorías,
de Santa Bárbara cando trevoa. É mais, as
señoras e señores deputados deste Parlamento
saben con que insisténcia, e a partir dun Grupo
moi reducido, o Bloque Nacionalista Galego preocupou-se
contínuamente desde o ano 1996, pero espécialmente
durante todo o ano 2001, para que se puxese solución
aos problemas derivados da seguranza, o control, a prevención
e a loita contra a contaminación nas nosas costas,
espécialmente nas costas do noso país. Grande
parte do que nós pedimos naquel momento foi rexeitado
polo partido que apoia ao Governo e outras veces tampouco
non contou co apoio do maior partido da oposición.
Realmente foi triste comprobar como as nosas demandas
e os nosas iniciativas de control eran respondidas con
actitudes autocomplacientes dicendo que todo estaba moi
ben, pero nós sabíamos que non estaba ben
por unha experiencia histórica da que despois lles
falarei.
Non estamos, polo tanto, agora ante un acto casual, non
estamos ante o producto dunha fatalidade, do azar, dos
designios divinos ou de fenómenos da natureza que
non son controlabeis ou reducibeis. Estamos, señorías,
ante un fenómeno estructural, regulado, derivado
da falta de meios, de desinterés e de irresponsabilidade
con Galiza. Queren que lles lembre alguns feitos desastrosos
e catastróficos desde 1969, desde que eu comecei
precisamente o traballo laboral? Erkowit, envenenamento
da ria de Ares. Policomander, choveu petróleo en
todo o Morrazo e en grande parte de Galiza e as vacas
se negaban a comer a herva. Urquiola, unha marea negra
horrorosa en A Coruña. Casón, todo o país
en vilo temendo mesmo que levase mercancias de carácter
radiactivo e un aquelarre por toda Galiza de transporte
da mercancía perigosa duns lugares a outros. Mar
Egeo, ainda poden sembrar como chegaron os ecos aqui cando
se ian pagar as últimas esmolas aos afectados,
e agora, no ano 2002, o Prestige. Fagan a conta e verán
como sai unha catástrofe ecolóxica de magnitudes
impresionantes cada sete ou oito anos desde o ano 1969.
Enfin, unha catástrofe tras outra. O Governo recoñeceu-nos
xa no ano 2000 que o maior número de emerxéncias
se daban no corredor de Fisterra, 733 por ano, o maior
número de todo o Estado español. Naufráxios,
accidentes, mortes, lavado de tanques e de sentinas contínuamente.
Non lles vou dicer o sinnúmero de iniciativas polas
manchas de petróleo nos portos de Ribeira, Ferrol,
A Coruña ou Vigo, pero vostedes as poden coñecer
lendo o «Diario de Sesiones».
Señorías, trata-se neste momento -despois
falaremos do resto- de buscar un sentido ao que imos facer
e buscar solucións rápidas e urxentes. É
certo que o Governo demostrou insensibilidade e irresponsabilidade
ante unha actuación que haberia de ser máis
dilixente e máis preocupada. Foi lamentable e patético
ver ao Delegado do Governo tentando controlar a información,
mesmo dirixir unha equipa que por moi esforzado que fose
estaba condenado ao fracaso e tentando dicer o que non
era certo. Os viciños de toda a costa comprobaban
como a marea negra estaba nas suas portas mentres que
ofícialmente se dicia que non habia perigo. Onde
estaba o ministro de Fomento?, ¿Onde estaba o ministro
de Pesca? Onde estaba o ministro de Meio Ambiente?
Comentaremos mañá a estratéxia do
Governo en relación co caso e o que significa .
Resulta patético e esperpéntico, polo demáis,
ver que unha traxédia como ésta, ademais
da irresponsabilidade do Governo, foi contemplada con
pasividade por todos os governos da Unión Europea.
Foi patético ver como se lles quixo lanzar a bomba
aos portugueses nesta xerarquia de impérios cada
vez mais caducos onde todos son irresponsábeis
respecto da sua casa, pero queren responsabilizar aos
demáis das cousas que cada un fai mal. Nunca se
pudo comprobar canta distáncia hai entre a retórica
medioambiental e os feitos e, desde entón, non
podemos exonerar ao Goberno español.
Falamos, señorías, de solucións
a corto prazo e imediato e de isto me vou preocupar como
representante do Bloque Nacionalista Galego.
É unha auténtica catástrofe
porque non hai un caso mais exemplar de afectación
do ecosistema, pero dun ecosistema no que está
incardinado o home á terra e ao mar como meio de
producción, como fonte de riqueza. Se
sempre é terríbel un desastre ecolóxico,
o é moito máis cando pon en dúvida
ou pon travas á adesión do home á
terra en xeral e á sua própria terra en
particular. Nós non estamos, señorías,
por que o noso país siga emigrando, e se non pomos
un remedio eficaz neste momento, a emigración será
a solución para esta catástrofe e unha nova
desvinculación do home respeito da sua terra. Moitos
de vostedes están aterrecidos co fenómeno
da imigración dos paises do Terceiro Mundo, e eu
pido-lles que consideren que debemos comezar polo noso
próprio país a conseguir que a xente non
teña que emigrar.
Vaiamos pois ás medidas que propoñemos.
Para nós é esencial que se promulgue
un decreto de medidas urxentes que contemple a cobertura
económica sen paliativos de nengunha clase durante
todo o tempo que duren as consecuéncias da catástrofe
para mariscadores, mariñeiros, para os comercializadores
e a acuicultura; exención de pagos á Seguridade
Social e outros impostos do Estado; moratória de
créditos; campaña de imaxe para os productos
que están vinculados ao noso mar ou tamén
para aquela xente que vive do turismo e que sofrerá
portanto un duro golpe; actuar, señorías,
en definitiva, como un Estado responsábel cos seus
cidadáns, un Estado que ten que actuar non como
actuou outras veces, con intransixéncia, non somente
a respeito das suas responsabilidades, se non tamén
respeito ao FIDAC, á compañía aseguradora
e ao amparo a todos os afectados que vaian tamén
pola via penal.
O segundo xeito para nós esencial, e asi o pudemos
comprobar no diálogo con todos os afectados e con
todas as confrarias de pescadores, á marxe da cor
política, cos viciños e coas asembleas que
fixemos, é que se analise o estado do ecosistema
mariño e a sua evolución e se faga un plano
para a sua rexeneración e limpeza entre a Xunta
de Galiza e o Governo do Estado, coa colaboración
económica adecuada e a execución ao seu
debido tempo. Se isto non se fai, señores, poderemos
ser Ben-vido, Mr. Marshall neste momento, sobre todo para
as épocas de Nadal, ao cal xa nos teñen
acostumados todos estes desastres. Cando ven Nadal, se
lles dá un aguinaldo aos indíxenas para
que podan seguir subsistindo. Non crian que esta vez vai
ser tan fácil esta solución. Vai haber que
dar respostas definitivas e sobre todo a longo prazo,
en fin, un terceiro paquete de medidas que esperamos mesmo
sustanciar e concretar mellor na moción consecuéncia
da interpelación de mañá onde se
pide a prevención, o control, as medidas de seguridade
dos meios técnicos e humanos adecuados, que é
o que defendemos, e tamén a información
a este Parlamento do Governo e a depuración das
responsabilidades a que houbese lugar.
Vou acabando, señorías, co seguinte. Este
é un impacto contra toda a sociedade galega; é
un ataque á maior poténcia pesqueira da
Unión Europea. Dunha vez por todas, o Governo do
Estado ten que considerar este un problema que afecta
ao Estado español e unha responsabilidade política
própria. Non estamos ante un episódio tráxico,
inexplicábel, fatal ou resignado. Temos que ser
consecuentes aceitando as demandas das maiorias sociais
afectadas, non convertendo-nos somente en Papa Noel para
Nadal. Hoxe é un momento de urxéncia e eu
pido-lles a todos vostedes que cando menos avoguen por
votar os dous paquetes de medidas concretas aos que me
referín. Tempo haberá xa esta semana e a
próxima para debater profundamente e exixir o cumplimento
de outras medidas de más longo alcance ás
que desde entón nós non renunciamos no terreno
da seguridade e do control do tráfico marítimo.
Pensamos que estamos a tempo ainda de facer unha resolución
común que podamos votar todos, e desde entón
o Bloque Nacionalista Galego, responsabelmente, aceitará
todo o que vaia polo camiño da concreción
do real decreto de medidas urxentes, tal como nós
e os afectados o pensamos, e o plano para recuperación
da noso sistema ecolóxico, que é a garantía
de futuro. De todos vostés espero unha posición
favorabel a estas demandas, que son as demandas de Galiza
neste momento.
Nada mais. Moitas grazas. (Aplausos.)
A señora PRESIDENTA: Moitas grazas, señor
Rodríguez.
En nome do Grupo Parlamentário Popular, señora
Sainz.
A señora SAINZ GARCÍA: Moitas grazas, señora
presidenta.
(...) Quero tamén indicar que o Grupo Popular
pretendeu chegar, señorías, a un acordo
cos dous grupos proferintes de as duas proposicións
non de lei, pero non foi posíbel pola intransixéncia
do Grupo Socialista. (Protestas.) Consideren que cando
o Grupo Popular aceitou esta mañá modificar
á unha de a tarde a orde do dia para que se pudese
ver unha proposición non de lei de vostedes, non
foron capaces de aceitar a demora en un tempo pequeno
na apresentación dunhas emendas do Grupo Popular.
Esa é a resposta de vostedes á cortesía
e ao espírito aberto do Grupo Popular. (Aplausos.-Protestas.)
Pero como ao noso grupo só lle move dar de verdade
solución aos problemas causados e contribuir a
mellorar a seguridde, oferece agora unha transaccional
á proposizón non de lei do Bloque Nacionalista
Galego, aberto -hai que dicé-lo - tamén
desde o primeiro momento ao diálogo, na que se
incluen 13 pontos (...)
(...) e o que pido, señorías, ás
diputadas e diputados galegos do Partido Socialista, que
non foron capaces de subir a esta tribuna (Protestas.),
é que en todo caso apoien a iniciativa transaccional
se o Bloque Nacionalista Galego a aceita, porque sempre
estivo aberto ao diálogo. (...)
(...)
O señor RODRÍGUEZ SÁNCHEZ: Si, señora
presidenta. Aceitamos o conteúdo da emenda in voce
formulada pola porta-voz do Grupo Parlamentário
Popular á nosa proposición non de lei; unha
emenda transaccional que recolle substáncialmente
os xeitos básicos da nosa proposición non
de lei e os pontos que considerábamos incuestionabeis.
Facemo-lo nese sentido. Nada máis. Moitas gracias.
A señora PRESIDENTA: Moitas grazas, señor
Rodríguez.
Entendo que o que se vai a someter a votación
é este texto en substituición da iniciativa
do Grupo Parlamentário Mixto e supoño que
o Grupo Parlamentário Popular retira o sua iniciativa.
A señora SAINZ GARCÍA: Efectivamente, señora
presidenta, o Grupo Parlamentário Popular retira
o sua iniciativa e agradece o voto favorabel do Bloque
Nacionalista Galego.
A señora PRESIDENTA: Gracias, señora Sainz.
En primeiro lugar, sometemos a votación nos seus
próprios termos a proposición non de lei
do Grupo Parlamentário Socialista relativa á
elaboración dun plano de medidas extraordinárias
ou urxentes para a atención dos sectores sociais
da Comunidade Autónoma de Galicia que resulten
perxudicados polo accidente do buque-tanque Prestige,
a rexeneración e recuperación das costas
afectadas, asi como para a prevención futura de
sinistros de similar natureza.
Comeza a votación. (Pausa.)
Efectuada a votación, deu o seguinte resultado:
votos emitidos, 293; a favor, 119; en contra, 155; abstecións,
19.
A señora PRESIDENTA: Fica rexeitada. Sometemos
a votación a proposizón non de lei do Grupo
Parlamentário Mixto, relativa ao sinistro do Prestige
na costa galega, nos termos derivados do debate e da emenda
transaccional de substituición que foi proposta
polo Grupo Parlamentário Popular e aceitada polo
diputado señor Rodríguez, do Grupo Parlamentário
Mixto. Comeza a votación. (Pausa.)
Efectuada a votación, deu o seguinte resultado:
votos emitidos, 292; a favor, 292 |