Mércores 20 de Novembro de 2002 - 00:00
Diante da catástrofe do Prestige o BNG considera pertinente facer as seguintes consideracións: O sinistro pón en evidéncia, unha vez máis,
un problema denunciado polo BNG en reiteradas ocasións.
A falla de seguridade nas nosas costas e a caréncia
de vontade política, recursos e capacidade de xestión
das autoridades centrais e autonómicas para adoitar
as medidas preventivas necesárias e responder con
celeridade e eficácia diante de situacións
de crise.
Asi, temos que denunciar que a actuación das autoridades
governativas e dos responsábeis políticos
das administracións central e autonómica
preocupou-se máis da resposta meiática que
da adopción de medidas áxeis e eficaces
para aminorar os custes económicos e sociais da
catástrofe. Como se preocuparon tamén de
buscar “chivos expiatórios” para atribuir
culpabilidades externas (que o BNG non nega) en vez de
asumir as próprias responsabilidades. Facemo-nos,
como o conxunto da sociedade galega, as seguintes preguntas:
¿ Por qué toda a atención estivo
centrada en “pasear o problema” en vez de
amañá-lo?. O problema non é se petroleiro
está xa a 50 ou a 70 millas da costa galega, o
problema é que segue a verter fuel, e cada vez
en maior cantidade, sen que se adoptasen medidas eficaces.
¿ Pode depender a seguridade dun país da
dirección do vento?. ¿ Por que, con todos
os precedentes que por desgrácia xa tivo que sofrir
o noso país, os meios seguen a evidenciar-se totalmente
insuficentes?. ¿ A que se debe a tardanza na chegada
de todos os recursos para paliar a magnitude da catástrofe?.
O BNG vai transladar a todos os ámbitos institucionais
e sociais nos que ten presenza a defensa das seguintes
medidas:
MEDIDAS IMEDIATAS:
• Instar ás institucións e forzas
políticas e socias galegas a que afronten o problema
na sua verdadeira dimensión, estamos diante dunha
catástrofe nacional, diante dun problema nacional
galego, non un problema local ou sectorial.
• Instar á Xunta de Galiza a que compareza
diante do Parlamento galego para dar explicacións.
Convocatória con fal fin dun Pleno Extraordinário
do Parlamento Galego no que tamén se discutan
propostas de resolución a adoitar pola cámara.
• Exixir a declaración de zona catastrófica
para a costa galega.
• Demandar que se arbitren os mecanismos que
garantan o pago imediato das subvencións e indemnizacións
que deberán contemplar o “lucro cesante”.
Isto é, a compensación económica
polo custe que para o conxunto da economia de comarcas
altamente dependentes da pesca ten o cese temporal desta
actividade.
• A depuración imediata das responsabilidades
políticas.
PROPOSTAS DE LONGO ALCANCE DO BNG.
• Criación dun corredor para o tráfico
de mercadorias perigosas máis separado da costa
(salvando os caladoiros de pesca) e prolongación
do mesmo en dirección Norte e Sul.
• Criación dunha “policia de vixianza
do corredor” dotada dos meios loxísticos
necesários para o exercício do seu labor
(cobertura por radar de todo o corredor, seguimento
do tráfico via satélite, meios de vixianza
aérea, etc.) Asunción por parte da Xunta
de Galiza das competéncias nesta matéria,
asumindo a responsabilidade de dirixir este servizo
de prevención.
• Criación dun servizo público
de salvamento, loita contra a contaminación mariña
e intervención rápida en casos de catástrofe
suficientemente dotado fronte á situación
actual de dependéncia de servizos privados.
• Exixir da Unión Europea e do Estado
español a dotación económica necesária
para a posta en marcha destes servizos.
• Ubicación na Galiza da Axéncia
de Seguridade Marítima Europea.
• Redución da moratória para o
desguace de buques monocasco ao ano 2005. Mellora dos
servizos de inspección co obxecto de garantir
un control rigoroso dos buques para asegurar que se
axeiten ás normas internacionais e comunitárias
de seguridade marítima.
O BNG decidiu a criación dun gabinete de crise
permanente, integrado por membros da sua Executiva Nacional,
representantes nos distintos ámbitos institucionais
e expertos en pesca e seguridade marítima. Ao longo
desta semana o BNG apresentará iniciativas en todos
os ámbitos parlamentares nos que ten presenza e,
en contacto cos sectores máis directamente afectados,
estudará a pertinéncia de chamar ao conxunto
da sociedade galega a mobilizar-se en apoio a estas medidas. |