Mércores 20 de Novembro de 2002 - 00:00
Interpelación Urxente ao Governo para que informe das causas, consecuéncias e medidas ante o sinistro do Prestige, apresentado polo BNG no Congreso dos Deputados o 20 de Novembro de 2002. Señoras e señores diputados, comezarei
por expresar a reacción social en Galiza, e a persoal
de moitos galegos e galegas, neste momento: unha mistura
de indignación, dor e impoténcia; a mesma,
sen dúvida, que amosa o grupo de deputados do Bloque
Nacionalista Galego, presentes nesta Cámara. Como
a povoación de Galiza, gostaria-nos fuxir da resignación
persoal e colectiva.
Señor ministro, as catástrofes cíclicas
nas nosas costas marcaron as vidas de varias xeracións
de galegos e galegas. 1970: Polikomander; 1973: Ercowit;
1976: Urquiola; 1987: Cason; 1992: Mar Egeo; 2002: Prestige.
Tres das máis importantes catástrofes mundiais
destas características tiveron lugar nun país
que se chama Galiza. Distintos reximes políticos
e governos foron testemuñas, actores e xestores
da situación criada. Houbo máis ou menos
organización, segundo os casos, pero nunca se tomaron
as medidas adecuadas para que non se repetisen. Sempre
primou a insensibilidade, a apariencia e a acción
a curto prazo. Como se se tratase dun país e dun
sector -sempre o máis afectado: o da pesca e o
marisco- residuais e marxinais.
Este caso, señor ministro, vai camiño de
se converter na máis dolorosa e tráxica
das experiéncias, que afecta ao ecosistema e á
povoación en proporcións descoñecidas
até agora, até o ponto de se converter nun
drama para todo o país. Asimismo, pon máis
en evidéncia a falla de meios, a descoordinación
e as limitacións dunha Administración pública
condicionada, impotente e moitas veces connivente con
un contexto transnacionalizado, ao que serven tanto o
poder internacional como o estatal, e tan embarullado
como dominado polo criterio do máximo benefício
ainda que se corran riscos moitas veces apocalípticos.
Comezarei polas incógnitas. Aun sen pór
en cuestión a alternativa aplicada -posto que non
somos capaces de o facer con un criterio técnico
próprio e de própria criación-, semella
claro que se optou por aplica-la cunha xestión
caótica, sen planificación nen obxectivo
verificábel e en condicións de mínima
prevención de riscos. Canto se tardou en chegar
ao lugar do sinistro? Por que o rumo errático do
barco desde o dia 13?, Por que a tardanza até que
interviñeron os meios do próprio salvamento
marítimo, como o Alonso de Chaves? Por que non
se combatiu a contaminación no mar desde o princípio?
Por que non se pediron e conseguiron meios con urxéncia,
desde o comezo? Por que a información oficial non
se correspondía nen se corresponde coa evolución
da catástrofe, nen co que comprobaban os que sofren
máis directamente as consecuencias? Nen siquieira
a data de hoxe, señorías, sabemos cais foron
realmente as relacións, actitudes e exixéncias
do Governo ante o capitán, as empresas de rescate
contratadas polas armadoras Smit e Tecnosub e co resto
dos Estados europeos e o seu grau real de colaboración
máis alá das declaracións de intencións.
O factor económico xogou un papel decisivo, comezando
pola própria sociedade estatal de Salvamento Marítimo
que se acabou comportando da seguinte forma: Zafémonos
desta bomba contando coa divina providéncia. O
que si sabemos, señor ministro, é cál
foi o comportamento do Governo nas suas máis altas
instáncias, sen dúvida moi apartado de Galiza
e dos seus habitantes. En primeiro lugar, o señor
presidente Aznar expresou só preocupación
por aproveitar a catástrofe para o litixio contencioso
de Gibraltar, preocupando-se máis ben dos soños
imperiais decadentes que da sorte dos seus cidadáns
e dun território do Estado español. O barco,
señor presidente, pasou por moitos portos e non
se di nada a respeito de que os controis burocráticos
funcionen na maioria dos Estados, incluídos moitos
da Unión Europea. O señor Arias Cañete
sentenciou desde La Mancha que nen perigo de catástrofe
nen nada grave para a pesca galega, sen dúvida
afeito a chalaneos co fraude e farto de aturar esa molestia
que se chama pesca de Galiza. O señor Matas está
desaparecido, contento cun reparto competencial que lle
obriga, iso si, a inaugurar paseos marítimos en
Galiza, polo que se ve tarefa esencial sen a cal perigaria
a unidade de España. E vosté, tan eficiente
no control executivo do Ministério de Fomento e
en alguns casos de irresponsabilidade dos seus subordinados,
ignora inícialmente o caso, reaxindo despois dicendo
que haberá que exixir responsabilidades, iso si,
a outros de fora, e ao final opta por un discreto siléncio
e por unha falla de compromiso público. Non acode
para nada a Galiza e chega cos señores López
Sorts e Nogueira, que foron tamén desaparecendo
cautelosamente detrás do verbo españolísimo
do delegado do Governo, que embarullado polas apariencias
dunha falsa información e polo caos criado acabou
por perder toda credibilidade mesmo informativa, xa non
digamos a política ou a capacidade de control da
situación. Como explica vostede, señor Álvarez-
Cascos, o seu desinterés e distanciamento do caso?
Existe algunha responsabilidade por falta de previsión,
sobre todo por non contar cos meios adecuados, e pola
falla de planificación e control requerido nun
caso como éste? Hai algunha responsabilidade das
autoridades públicas no acontecimento que vai provocar
a morte de todo ser mariño vivo na liña
da costa de Galiza. Farán falla entre dous e catro
anos para a recuperación das suas espécies
máis fortes e máis resistentes e sobre todo
hai un proceso de empobrecemento e esmorecemento e dificuldades
ainda maiores para terras xa moi castigadas por un abandono
e por unha despovoación cada vez máis progresiva.
Non lle vou discutir nada, ainda que si quero perguntar-lle
se na alternativa escollida e na forma de a executar non
se tivo en conta, como consideran todos os peritos e mesmo
os patróns de pesca, que é imposíbel
que en Galiza nesta época do ano non haxa ventos
suroeste, oeste e noroeste. É imposíbel
que o fueloil non chegue a terra como efeito do abanico
que provoca a estela do fuel que vai deixando o barco,
que progresivamente segue un rumo errático. Existe
algunha responsabilidade política na catástrofe,
señor ministro? Ninguén debe entoar o mea
culpa ou mesmo dimitir? Isto mesmo di-se, señor
ministro, tendo en conta o esforzo meritorio dos homes
de Salvamento Marítimo, que sen dúvida tiveron
que bregar con este caos. Salvamento Marítimo non
ten as infra-estruturas necesárias en Galiza e
isto hai que recoñecé-lo e remediá-lo
urxentemente. Señor ministro, gostaria-me perguntar-lle
agora o seguinte e que me contestase: Cais son as consecuencias
do afundimento do barco? Hai garantías e seguridade
de control de que non vai a aflorar todo o fuel? Cais
son os índices de seguridade? Cantas foron realmente
as toneladas verquidas, xa que por agora non son certas
as cantidades oficiais, a xulgar por como está
toda a costa de Galiza, desde Ferrol até a ria
de Vigo? Cuál vai ser o perigo iminente da evolución
da marea negra, en especial para as rias de Arousa, Pontevedra
e Vigo?, Que control e actuación anticontaminante
están a levar a cabo? Con que meios e con que resultados
están a actuar vostedes neste intre? Cais son as
reaccións dos Estados da Unión Europea,
polo menos dos Estados máis próximas, e
en particular das autoridades portuguesas á hora
de afrontar as consecuencias desta catástrofe?
É a posición do señor Giscar d´Estaing
algo máis que o horror? Señor ministro,
realmente vai pór vostede toda a carne no asador
para converter a zona de Fisterra en lugar preferinte
de actuacións de prevención e control, cos
meios adecuados, do tráfico marítimo e loita
contra a contaminación? Vai-se construir por fin
o barco anticontaminante? Vai-se contar con barcos para
transvasar o cru en condicións, como era necesário
neste momento? Vai-se contar coas barreiras suficientes
para non dar ese espectáculo miserábel de
mercar cada x dias 5 ú 8 quilómetros e asi
sucesivamente? Vai impulsar o troco das condicións
de seguridade na navegación dos barcos con mercancias
perigosas e o seu control? Señor ministro, como
porta-voz do Bloque Nacionalista Galego neste momento
podo-lle garantir que este grupo fará todo o posíbel
para que non haxa precisamente unha dor resignada en Galiza,
para que nada poda afogar o berro do noso país
de:
Nunca máis! |