Xoves 21 de Novembro de 2002 - 00:00
O BNG solicita que comparezan no congreso cinco Ministros e o Vicepresidente primeiro para que dean conta da sua xestión perante o sinistro do "Prestige".
"Hai que depurar as responsabilidades políticas en que incorreu claramente o Governo na sua caótica e neglixente actuación nesta crise", afirma Francisco Rodríguez O Bloque Nacionalista Galego solicitou que comparezan
no Congreso, en Comisión, cinco ministros e o vicepresidente
primeiro do Governo Aznar para que dean conta da sua xestión
perante o sinistro do "Prestige".
Os ministros son o de Agricultura, Pesca e Alimentación,
para explicar as liñas de axuda previstas para
o sector afectado; a de Asuntos Exteriores, para dar conta
das iniciativas que vai adoptar a nível internacional
para evitar situacións semellantes no futuro; o
de Meio Ambiente, para informar sobre as accións
do seu departamento respeito do desastre; e os de Facenda
e Traballo, para avaliar as consecuéncias para
Galiza que decorran do sinistro e dar a coñecer
á Cámara sobre as medidas sociais e económicas
que se pensa implementar para combaté-las.
"Non imos tolerar que o sinistro se salde sen que
se depuren as responsabilidades políticas. O Governo
actuou de maneira caótica, por veces neglixente,
e sempre sobre a base de non ter tomado no pasado as suficientes
medidas preventivas para que non sucedese o que tristemente
aconteceu", afirma Francisco Rodríguez.
Na opinión do portavoz do BNG, o Governo cometeria
un erro político se se acubillar na autocomplacéncia
e na máis absoluta falta de autocrítica:
"O que non é sustentábel é que
se nos veña dicer que aquí todo funcionou
ás mil marabillas e que non existen caréncias
de meios materiais e humanos para enfrentar unha traxédia
destas dimensións". |