Domingo 24 de Novembro de 2002 - 00:00
Manifesto da Plataforma Cidadá Nunca MáisAs múltiples e diversas entidades (partidos políticos,
sindicatos, confrarias de pescadores, asociacións
de mariscadores, grupos ecoloxistas, etc.) que decidimos
constituirmo-nos en Plataforma Cidadán "Nunca
Máis", que con carácter unitário
e aberto pretende canalizar as xustas demandas da cidadania
galega para a pronta reparación dos danos causados
polo buque Prestige, exiximos:
- A declaración de Galiza como zona catastrófica
coa imediata dotación de recursos de todo tipo
para reparar as graves consecuéncias económicas,
sociais, meio-ambientais e para a saúde provocadas
polo sinistro.
- A imediata posta en marcha de mecanismos de prevención
que impidan que a catástrofe vaia en aumento,
coa posta a disposición dilixente dos meios económicos
e loxísticos para impedir a contaminación
de novas zonas, a intensificación nas xa contaminadas
e a limpeza e a restauración meioambiental da
costa.
- A adopción de medidas por parte do Governo
do Estado e da Xunta de Galiza que posibiliten que feitos
como este non se volvan a repetir, con medidas dirixidas
a aloxar o tráfico de mercadorias perigosas das
costas, controlar o tráfico, controlar o estado
dos buques e as infraestruturas portuárias que
almacenan substáncias perigosas, e dotar a Galiza
dun dispositivo de salvamento, loita contra a contaminación
mariña e intervención rápida en
casos de catástrofe suficientemente dotado.
A Plataforma Cidadá Nunca Máis entende
que a catástrofe do Prestige é un desastre
de dimensións nacionais que atinxe e implica ao
conxunto dos cidadáns e exixe de todos os galegos
e galegas unha resposta solidária.
O sinistro pon en evidéncia dun xeito sangrante
a ineficácia das medidas preventivas para evitar
este tipo de sinistros, a auséncia de planos de
emerxéncia para facer fronte a este tipo de catástrofes,
a improvisación e descoordenación nas tarefas
de salvamento e loita contra a contaminación e
a total escaseza de recursos técnicos e humanos
para facer fronte a este tipo de situacións.
Denunciamos as responsabilidades derivadas destas deficiéncias,
reclamamos a demisión das autoridades que coa sua
ineficácia e irresponsabilidade permitiron que
o accidente tivese as piores consecuéncias, e demandamos
a efectivización das medidas recollidas na táboa
reivindicativa exposta para que o desastre que padecen
reiteradamente as nosas costas (Polycommander, Urquiola,
Erkowit, Andros Pátria, Casón, Mar Exeo...),
e que tanto sofrimento provocan na sociedade galega non
se volva a producir...
NUNCA MÁISPowered by AkoComment 1.0 beta 2! |