Sábado 21 de Decembro de 2002 - 00:00
Francisco Rodríguez reproba a Aznar pola sua "alérxia a Galiza" e exixe a Rajoy que "o Governo bote man do fundo de continxéncia dos orzamentos 2003, de máis de 2.200 millóns de euros, para a catástrofe do Prestige". "É o Instituto Hidrográfico portugués
o único que dí a verdade en toda esta crise,
e Portugal aparece ante os ollos dos galegos como un país
con mellor tecnoloxia do que o Estado español",
enfatizou o deputado do BNG
O portavoz do BNG no Congreso Francisco Rodríguez
reprobou a Aznar pola "sua alérxia a Galiza"
e exixiu a Rajoy que "bote mao do Fundo de Continxéncia
dos Orzamentos 2003, de mais de 2200 millóns de
euros para a catástrofe do Prestige como Alemaña
fixo coas inundacións do verán".
Deste xeito se dirixiu ao Vicepresidente do Governo que
esta tarde comparece na Comisión Mixta UE no Congreso.
O deputado do BNG lembrou-lle que "estamos ante
a maior catástrofe
ecolóxica acontecida na UE. A terceira na história
de Galiza, e non sucedeu por casualidade. Como é
posíble que nos últimos 32 anos teñamos
sofrido tantos accidentes na nosa costa. Díga-me,
se é capaz, que parte do planeta presenta iste
índice de accidentes nas suas costas con tanta
regularidade? Vostés non tiveron un Plano de Actuación,
non hai meios, non hai barcos anti-contaminación,
non hai remolcadores. Non hai nada, nun Estado español
que conta con 7000 kilómetros de costa, un 30%
lle pertencen a Galiza. É o Estado da UE con mais
kilómetros de costa e non ten nada".
Rodríguez criticou a decisión guvernamental
de alonxar o barco da nosa costa e as falsedades do Governo
transmitidas á opinión pública. "A
xente de Muxia estaba vendo como o barco estaba a tres
millas e vostés insistindo en que estaba a 30 millas".
"Vostés caracterizaron-se pola descoordenazón,
a asuséncia, a censura e a desinformación.
O único que cambiou a sua actuación foi
a histórica manifestación de miles de cidadáns
galegos en Santiago convocados pola Plataforma Nunca Mais,
da que nós formamos parte", enfatizou o deputado
do BNG.
Rodríguez lembrou-lle a Rajoy os despropósitos
na actuación guvernamental: "o remolcador
Alonso de Chaves que chegou tarde, mal e arrastro. E tres
dias máis tarde veu o buque francés para
realizar as labores de anticontaminación. Cómo
tardaron tanto? Acaso non é certo que respiraron
tranquilos cando vian que o barco ia cara Portugal?".
"Despois de tantos accidentes, como é posíbel
que non teñan un Plano de Coordenación con
Franza e Portugal. Nesta tremenda situación o Instituto
Hidrográfico de Portugal o único que dixo
a verdade en toda esta crise. Portugal apareceu como un
pais de impresionantes meios ante os ollos pasmados da
xente, incluidos os dos seus votantes, os do PP. Portugal
dixo sempre a verdade e pronosticou que a mancha chegaria
a Baiona e aí está".
O deputado nacionalista inquiriu a Rajoy "por que
non di con claridade canto fuel se derramou e se verqueu?.
Non o fan porque saben que é unha cifra bastante
maior do que están a dicer".
"Os afectados de todo color, os mariñeiros,
mariscadores, pescadores, teñen que facer fronte
coas suas próprias mans á marea negra. Unha
cidadania, a galega, que quer colaborar desesperadamente
sen mascarillas, sen botas, sen traxes, sen palas. E son
os governos locais os que están dando unha mostra
de responsabilidade, cos seus cartos están mercando
meios para enfrontar-se ao fuel", enfatizou Rodríguez.
Francisco Rodríguez tamén puxo en destaque
as insuficientes condicións económicas aprobadas
por esta catástrofe. "A miséria aprobada
no Real Decreto para os afectados" e reprochou-lle
que ainda non cumpriran coas medidas recollidas na proposición
non de lei aprobada por unanimidade no Congreso e a instáncias
do BNG. Quén van facer, deixar que o pais se pudra?
Deixarán que a xentes emigre?".
Francisco Rodríguez perguntou-lle ao Ministro
"por que non votan man do Fundo de Continxéncia
dos Orzamentos para o ano 2003? Son 2200 millóns
de euros os que poderian incluir por esta catástrofe.
Alemaña incrementou o seu défice debido
ás inundacións deste veran. Por que vostés
non aceitan incrementar o défice un 1% e votar
man dese Fundo?.
"Ninguén entende como o Presidente do Governo
ainda non apareceu por Galiza. Saben que ten a foto garantida,
porque este deputado, que percorre a costa de arriba abaixo
non ten garantida esa foto. Señor Ministro, nós
levamos anos neste Parlamento para que se cambien os meios
de Salvamento Marítimo e vostés non quixeron",
O deputado do BNG lle lembrou a Rajoy a "que son
as xentes de Cambados, de Aguiño, de Arousa os
que demostran patriotismo galego porque o patriotismo
español non chega mais que para mal". Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |