Luns 31 de Marzo de 2003 - 00:00
O BNG e o PSOE nun pleno extraordinario que se celebrará o mércores 2 de abril ás 16:30 horas, solicita que o a Corporación Municipal se posicione en contra da Guerra contra o Iraque, unha guerra inmoral, inxusta e ilegal.
O BNG e o PSOE, facéndo-se eco do sentir maioritário da cidadanía galega en xeral e da estradense en particular, solicitarán neste pleno extraordinário, que a corporación Municipal rexeite esta guerra e reclame do Goberno do Estado, que se desmarque desta actitude imperialista, belicista e militarista dos EE.UU., esixindo en todos os foros internacionais o cesamento deste acto de terror e destrución que só traerá máis miséria e desesperación por unha banda e máis resentimento e xenreira pola outra.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLA PAZ MUNDIAL E CONTRA A GUERRA
1º.- Reiteramos que resulta moralmente inadmisible e inxustificable atacar militarmente a un pobo que vén sendo castigado brutalmente desde 1991 e co obxecto de invadir o seu territorio, apoderarse das súas riquezas, e impoñer un goberno títere que garanta os intereses económicos e estratéxicos dos EE.UU. na rexión.
2º.- Os traballos dos inspectores de Nacións Unidas estaban dando resultados positivos no desarme do réxime de Sadam Hussein, así o confirmaron os últimos informes presentados no Consello de Seguridade da ONU. Estes mesmos informes solicitaban a prolongación das inspeccións por espacio de varios meses para acadar o desarme total de Iraq. Cómpre, xa que logo, deter a guerra e acceder a esta demanda dos inspectores e dar oportunidades diplomáticas e pacíficas para evitar a continuación da masacre, unha guerra que tan só está levando máis morte, destrucción e sufrimento ó pobo iraquí e dentro del ós sectores sociais máis febles e desfavorecidos, nenos e nenas, mulleres e anciáns.
3º.- O ultimato dado a Iraq, que establecía o día 17 de Marzo como final improrrogable, desoe as xustas demandas dos inspectores e da cidadanía mundial, acocha unha decisión- xa tomada- polo goberno norteamericano, de intervir militarmente, co aval de Nacións Unidas ou sen el. É unha decisión belicista, inxusta e inmoral, que pretende, en definitiva, consolidar o papel hexemónico e imperial dos EE.UU. no mundo, reconfigurar as relacións internacionais primando o uso da forza e da violencia preventiva fronte do dereito e a legalidade, dividindo e debilitando á Unión Europea, ninguneando ós organismos supranacionais e o sistema da ONU creado logo da IIGM precisamente para “... evitar ós nosos fillos o horror da guerra”.
4º.- A posición favorable do PP á guerra, de seguir de maneira subordinada as teses intervencionistas da Administracións Bush, aprobada no Parlamento español con toda a oposición en contra e contra da opinión maioritaria da cidadanía, coloca ó goberno de José María Aznar e o seu partido, non só á marxe da legalidade internacional, senón nunha situación de claro enfrontamento coa sociedade, de inequívoco illamento social, promovendo a guerra e mesmo a presencia militar española con tropas no conflicto, facilitando o uso das bases militares norteamericanas en España, premendo diplomaticamente a favor da guerra e comportándose como unha franquía norteamericana. As súas apelacións retóricas á paz e á seguridade non teñen xa credibilidade ningunha.
5º.- O pobo iraquí, que soporta a tiranía de Sadam Hussein e enormes sufrimentos desde a pasada guerra do Golfo, está sendo, unha vez máis, a principal víctima inocente da invasión militar. A democracia, as liberdades e os dereitos humanos, o progreso, a xustiza, e o desenvolvemento -que tanto necesitan os iraquís- non poden impoñerse por medio das bombas, do asasinato, da violencia e do terror indiscriminados.
6º.- A invasión de Iraq, promovida entusiástica e irresponsablemente pola Administración Bush, coa complicidade de Blair e de Aznar, ameaza non só a paz mundial, senón que está a provocar xa enormes fracturas sociais e políticas, divisións profundas na UE, no mundo árabe e musulmán, entre os países non aliñados, no mundo das igrexas, e está incrementando o odio e o resentimento antioccidentais, a inestabilidade nunha rexión especialmente fráxil e sensible, así como as opcións máis violentas e extremas, o fundamentalismo, porque, en definitiva, recollemos o que sementamos. Si impoñemos a violencia e o terror, a morte e a destrucción, fronte á legalidade e a xustiza, esa será a colleita que nos espera no futuro.
7º.- A cidadanía galega, a cidadanía mundial, as mulleres e os homes de ben, estamos en contra da guerra, opoñémonos a lexitimar co noso silencio un crime contra da humanidade, dicimos alto e claro, non á guerra, non no noso nome, non máis sangue por petróleo, e queremos parar esta guerra antes de que empece. A paz non se fai preparando a guerra, a paz temos que construíla cada día, entre todos e todas, desde o respecto e a legalidade, abordando os conflictos con solucións diplomáticas e pacíficas, respectando os dereitos humanos, o dereito dos pobos á súa soberanía, a lei e o dereito internacional, pola paz mundial, non á guerra contra o pobo iraquí, non no noso nome... Powered by AkoComment 1.0 beta 2! |