Venres 14 de Novembro de 2003 - 00:00
Estes días están chegando aos domicílios dos propietários de pisos, baixos comerciais, casa, fincas, garaxes, etc. do casco urbano da Estrada os recibos do Imposto de Bens Inmóbeis (coñecido como a contribución urbana) nos que, salvo nos casos de bonificacións por familia numerosa, pisos de protección oficial ), figura un incremento do 60% a respeito do ano pasado, en clara contradición coas declaracións de destacados dirixentes do PP tanto locais como Estatais, nas que afirman que o "PP baixa os impostos".
Maribel Ruíz Ferro, Concelleira do BNG, integrante da comisión de Facenda, responde ás nosas preguntas sobre este asunto: Que fixo o BNG para impedir esta suba tan desproporcionada?
No seu momento o BNG alertou aos viciños da ameaza que se vía vir, moitos dos cales apresentaron alegacións contra a Ordenanza fiscal, aprobada polo PP e e PSOE e rexeitada cos único votos en contra do BNG. Ditas reclamación foron tamén debatidas no Pleno da Corpración Municipal, pero foron rexeitadas, de novo cos votos en contra do PSOE e o PP, e co único apoio do Bloque Nacionalista Galego. A nós parecia-nos e nos segue parecendo unha inxustiza que os únicos que se queden sen bonificación son os verdadeiros prexudicados pola sobrevaloración catastral. E xa nos parece o colmo que se bonifique aos promotores, para quen o mercado inmobiliario e un negocio e, sen embargo, se penalice aos particulares, para quen as suas propriedades son artículos de primeira necesidade, cal é a vivenda ou medios de vida, como os baixos comerciais.
Pero o PP di que esta subida non é para tanto...
A pesares da manipulación informativa promovida estes días polo Concelleiro de Facenda, Manuel Arca, que asegura que a maioría dos inmóbeis terán bonificación, o certo é que a maioría dos recibos dos inmóbeis do casco urbano están-se vendo incrementados coa desproporcionada porcentaxe dun 60%, precisamente a duns inmóbeis que, na sua maioría sofren ademais unha sobrevaloración catastral. O BNG, como defendeu no Pleno, pensa que se se introducen bonificacións para todas as casas do rural estradense, tamén se pode facer o mesmo para as do casco, que non teñen que pagar a neglixente xestión económica do governo municipal, que no único que pensa é en engordar aínda máis os gastos correntes do Concello, incrementado a plantilla, xa sobre-dimensionada, en 12 prazas máis.
Un governo do PP que, en colaboración co PSOE, non ten rubor en aprobar unha bonificación para as promotoras urbanísticas, causantes en grande medida da especulación do solo na Estrada e, portanto, das desmesuradas valoracións catastrais dos inmóbeis que agora sofren estas subas abusivas.
Como deter este abuso?
Está claro que nestes momentos, só a presión popular pode impedir que a situación se remédie. Rexeitadas as reclamacións e alegacións. vai ser a mobilización contudente a única que poida deter, como xa ocorreu noutros momentos, este despropósito do PP en colaboración co PSOE. E desde logo está claro que, a unha desproporcionada medida política, como é esta da suba de ata o 60% do IBI, cómpre solucións políticas, como é a convocatória dun pleno extraordinário para tratar este tema. |