Renovación da Corporación

  Xente de Cerdedo

    En pleno Nadal do 2004, os veciños de Cerdedo recibimos dúas novas que gardan unha trascendencia moito máis seria do que poideramos observar nunha primeira análise. A prensa anúncianos, en grandes titulares, que o alcalde Caramés dimite tras 30 anos de "esforzado traballo e abnegada adicación comparables ó sacerdocio"; todo ilo nun acto dotado da correspondente pompa e ceremonia con presencia do Sr. Louzán incluida, definindo esta renuncia como "un acto de valentía e honradez", Nun pequeno recunchiño do xornal lemos tamén que o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Isidro Peleteiro, tamén deixa o seu cargo, deixando claro que lonxe de deberse á resaca dunha dilatada e titánica labor política, a súa renúncia prodúcese por que se traslada a traballar en Huesca.

    Así de entrada, nada máis... "unos que vienen y otros que se van". Pero en media páxina de xornal achamos exposta en toda a súa crudeza a eterna traxedia social e económica de Cerdedo. Por unha banda un alcalde que se retira tras 30 anos de exercicio gabándose de non ter logrado para o concello obras faraónicas nin grandes logros (quizáis os veciños de Cerdedo non foramos tan merecedores deles como os de Lalín ou Silleda), senón simplemente ter enchido de chapapote ata o último camiño de cabras que poidera haber no concello e servido de mediador entre os veciños nas súas cuestións domésticas. Esa é a lembranza que nos queda ós cerdedenses do sr. Caramés: un sorriso para todos e promesas de solucións que nunca chegan.

    En canto á forma en que nos deixa, parece calquer cousa menos a "mostra de valentía e honradez" das que fala o sr. Louzán. Dimite deixando un substituto que, como nos mellores tempos da dictadura franquista (que con certa morriña parece lembrar o sr. Caramés), ocupa o sillón de alcalde sen ter sido elexido democráticamente polos veciños de Cerdedo. Cando en todo o Estado se está a celebrar a chegada da DEMOCRACIA aos concellos hai xa 25 anos, Cerdedo celébrao estreando un alcalde que acada tal condición sen terse enfrontado ó escrutinio popular, sen preguntarlle á veciñanza se o quere como alcalde. Os cerdedenses soubemos da inminencia desta manobra cando nas pasadas eleccións aparecía unha candidatura popular (Xente de Cerdedo), presentando no segundo posto a quen é xenro do sr. Caramés e funcionario do concello (igual que, casualidades da vida, outra filla do alcalde). Como nos mellores tempos feudais, a sucesión dinástica estaba servida; só era cuestión de tempo o recambio, pois estaba claro que se trataba de situar no sillón de alcalde ao sr. Balseiros dun xeito pouco ético e pseudodemocrático, pois de todos é sabido que os apoios que poidera obter o sr. Balseiros nas urnas estarían ben lonxe dos que lle regala seu sogro. Cerdedo estrea, deste xeito, un alcalde cunha máis que dubidosa lexitimidade ¿Onde está a honradez? ¿Onde a valentía? De seguro estarían na convocatoria de novas eleccións municipais para que os cerdedenses poidesen elixir ao seu alcalde.

    Por outra banda, a nova que apenas ocupa tres liñas nos xornais é a demisión do concelleiro Peleteiro por motivos persoais. Motivos persoais que son, nin máis nin menos, que se ve obrigado a marchar traballar á sombra dos Pirineos, deixando coa súa familia a Terra que os veu nacer. Un ousado mozo que cometeu a heroicidade de fundar a súa familia en Cerdedo, de pensar que podería criar aquí os seus fillos con tódalas renuncias e desventaxas que iso supuña, máis apostou por Cerdedo demostrando unha VALENTÍA que non todos tivemos. Un traballador que tentou sacar adiante a súa familia sen buscar refuxio á sombra do poder caciquil que todo o controla e podrece nesta bisbarra afundida na desesperanza. Un cerdedense máis que non se conformou coa esmola dun contrato temporal na administración municipal en condicións de absoluta degradación económica e persoal. Un home que rexeitou os lazos feudais establecidos para tentar vivir con HONRADEZ sen depender de favores nin servilismos. Un veciño máis que pasa a acompañarnos no numeroso grupo dos cerdedenses que nos vemos obrigados a pensar na Nosa Terra (a Terra De Todos), dende máis alá dos seus montes.

    Vemos, pois, en tan só media páxina de xornal, a traxedia social de Cerdedo. A cara e a cruz da XENTE DE CERDEDO. 

    E Cerdedo, hoxe como hai 30 anos, segue vendo como emigra xente valiosa e como se pode ser alcalde sen ser elixido polos veciños.

Renovación da Corporación