CO BNG NA XUNTA, CERDEDO Si AVANZA
Atrás quedaron os tempos nos que a Xunta do PP prometía moito e non facía case nada. Os tempos nos que os concellos que non pertencían ao PP non recibían inversións importantes. Os tempos nos que incluso os concellos como Cerdedo (por ter maiorías absolutas do PP), non precisaban de investimentos xa que os votos estaban asegurados. Pero un novo tempo político ten chegado ó Goberno Galego, e os concellos como Cerdedo están a beneficiarse.
A Consellería de Vivenda fixo realidade a construcción das tan ansiadas vivendas sociais, que o PP se fartara de prometer e non executar. A conselleira Teresa Táboas amósase totalmente disposta a incrementar o investimento actual para facer máis das previstas ante a elevada demanda que parecen ter. Así pois, por fin hai unha política social de vivenda en Cerdedo, gracias ao BNG.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que dirixe Anxo Quintana, está rematando por fin o Centro de Día para a Terceira Idade. Todos sabemos os moitos anos que a obra levaba atrancada sen que a Alcaldía do PP conseguise a financiación precisa da Xunta “amiga”. Vicepresidencia ven de destinar a partida económica máis importante desde o inicio da obra (case 400.000 euros) para poñer neste ano o centro a servizo dos cerdedenses. Mesmo está en estudo unha notable ampliación desta Residencia a fin de crear un centro de ámbito comarcal, co beneficio que reportaría para Cerdedo a efectos laborais e comerciais. Máis servizos, máis emprego, máis poboación.
O departamento que dirixe Anxo Quintana acaba de iniciar tamén as xestións para poñer en marcha unha Galescola, que virá a mellorar notablemente o servizo prestado polo PAI. Por último, o notable incremento de fondos destinados por esta Consellería para servizos sociais en Cerdedo, permitiu que a Corporación Municipal aprobara, no último pleno, unha importante reducción das taxas do Servizo de Atención no Fogar, permitindo acceder a esta importante prestación a moitos máis veciños cun custo moito menor. Isto é unha auténtica xestión dos recursos en beneficio dos galegos, que vai máis aló de encher o país de asfalto, parques eólicos e encoros.
Por outra banba, unha das actuacións máis demandadas polo grupo municipal do BNG (xa na anterior lexislatura), xa é realidade. Así, ven de implantarse en Cerdedo un plan piloto de control do gando mostrenco por decisión da Consellería de Medio Rural, dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, que ten previstos máis plans de actuación importantes en Cerdedo.
Todo isto (e máis), que o BNG está facendo en apenas ano e medio, o PP non o fixo en 16 anos, o cal demostra que existe outro xeito de “facer política”. O BNG (desde as Consellerías que xestiona no Goberno Galego), está deixando ben claro que GOBERNAR é algo máis que encher os petos dos amigos e familiares. O BNG está gobernando para todos, sen privilexios nin servilismos caciquís propios de tempos pasados. Xa é hora de que esta mentalidade aberta, moderna e chea de forza chegue ó noso Concello PARA QUE CERDEDO AVANCE.