|
A política da comodidade debe rematar.
Nós apostamos polo traballo e o compromiso. |
ENTREVISTA CON ANA FRAGA RAMÍREZ CANDIDATA DO BNG DE CERDEDO NO 2007
|
O Bloque Nacionalista Galego ven de facer público o nome da súa proposta para a alcaldía de Cerdedo, Ana Fraga Ramírez, de 30 anos. Ana forma parte do consello local do BNG desde a súa fundación hai xa 8 anos, cando se presentou unha candidatura por primeira vez, acadando un notable respaldo dos veciños que lle otorgou dous concelleiros. Polo tanto, non estamos ante unha recén chegada á política municipal de Cerdedo.
CONTACONTOS: Ana, o vindeiro 27 de maio preséntaste como cabeza de lista polo Bloque Nacionalista Galego de Cerdedo para as próximas eleccións municipais, ¿como xorde esta decisión?
ANA FRAGA: Asumir este posto é froito do consenso de todo o grupo nacionalista municipal, xa que tivemos varias xuntanzas onde se tratou o tema e chegamos á conclusión de que é unha proposta que pode ofrecer confianza os veciños e veciñas. Esta elección foi tamén apoiada, ó mesmo tempo, nunha reunión co Consello Comarcal.
C.: ¿Cal é a túa experiencia co BNG en Cerdedo?
A.F.: Eu xa formara parte da candidatura na que saíran elixidos concelleiros Isidro Peleteiro e Dionisio Pereira, o cal foi todo un logro político. Agora levo tempo colaborando de cerca con Manolo Campos e Roberto Vázquez, os dous actuais concelleiros do BNG, que desempeñan un labor moi digno con moito traballo e experiencia ás súas costas.
C.: Destaca que se presente unha muller para este posto, ¿non si?
A.F.: É evidente que a posición da muller na sociedade actual está mudando. O BNG, tanto a nivel municipal como de toda Galiza, ten unha nova liña que aposta pola muller (como mostran as candidaturas de Silleda, A Estrada, Cotobade ou Cerdedo mesmo). É unha proposta baseada na igualdade e na paridade entre mulleres e homes onde se demostra que todas e todos estamos ó mesmo nivel. Como muller, penso que é todo un reto e pon de manifesto que os tempos cambiaron, como terán que facer moitas cousas neste concello.
C.: ¿É posible, entón, unha nova forma de goberno para Cerdedo?
A.F.: Por suposto. Cerdedo precisa unha oportunidade, unha alternativa diferente. Nós, como Goberno Municipal, podemos ofrecela ós nosos veciños e veciñas. Non estamos de acordo coa política do grupo popular que encabeza Balseiros. O PP en Cerdedo non segue unha liña democrática nin de transparencia, todos o sabemos.
C.: ¿Que solución ofreces?
A.F.: Simplemente hai que prestar máis atención ás peticións reais de TODA a xente de Cerdedo e non só ás duns cantos que (por seren amigos, familiares e achegados), o teñen moito máis fácil. Precisamos unha alcaldesa para todas e para todos, independentemente das ideas políticas de cada un. O que nos debe interesar como políticos son as necesidades de todas e de todos e non facer unha política de favores e favoritismos. O labor dun alcalde é ser responsable dun concello, e o concello somos TODOS.
C.: Polo que vexo tes claro que Cerdedo pode ter un futuro mellor. ¿Como ves a día de hoxe o devir deste municipio e que expectativas existen para o mesmo?
A.F.: Todos os que formamos parte da candidatura nacionalista sabemos que Cerdedo merece algo mellor. A política da comodidade deber rematar xa. Se a xente nos apoia comezará unha nova etapa: a do traballo e o compromiso, que xa son horas. As expectativas que temos son optimistas se gobernamos nós, pero non co actual goberno. Todos somos conscientes das necesidades de Cerdedo e sabemos tamén que cada vez somos menos veciños. Aí é onde haberá que actuar primeiro. Debemos fomentar que os mozos e mozas non teñan que marchar fóra para gañar a vida, como nos pasou a moitos. Balseiros está a vender fume coa súa propaganda sobre a instalación de industrias e creación de empregos en Cerdedo, pois todos sabemos da precariedade e baixa retribución dos empregos que se están a crear neste momento. E por riba, a conta de pechar media ducia de centros de traballo noutras ubicacións. ¿Canto tardarán en pechar aquí para trasladarse de novo? Cerdedo é un concello rural e con recursos suficientes se os sabemos aproveitar e distribuír de maneira lóxica e adecuada, pero sempre co pobo.
C.: ¿ Hai algo que queiras decir antes de rematar, Ana?
A.F.: Si. Quero sinalar que o BNG, en Cerdedo, conta cun grupo de xente responsable con moitas ganas de traballar por e para o Concello e, por que non, con grande capacidade para chegar á alcaldía. O meu propósito como candidata é o de ofrecer ós veciños un Equipo de Goberno, non un par de candidatos a concelleiros. Presentámonos ás eleccións para conseguir a Alcaldía, non coma outros que as conseguen sen someterse á vontade dos veciños.
C: E, por último ¿atréveste a facer un vaticinio dos resultados do BNG en Cerdedo?
A.F.: Temos ben claro que esta vez nos presentamos pensando nun mínimo de catro concelleiros, pois á preparación e ilusión das citas anteriores, nesta ocasión engadimos a experiencia de oito anos traballando por Cerdedo, coñecendo de cerca a política municipal e vendo as carencias que o PP de Balseiros non quere ou non sabe solventar. Polo tanto, está claro que pensamos gobernar Cerdedo.