|
|
ENTREVISTA CON ROBERTO VÁZQUEZ, CONCELLEIRO DO BNG EN CERDEDO
|
Contacontos: Hai xa máis dun ano que chegou ao cargo de concelleiro. ¿Como nos pode resumir a experiencia?
Roberto Vázquez: Absolutamente apaixoante. Eu levaba xa 6 anos traballando no BNG de Cerdedo “detrás do telón”, desde a presentación da primeira candidatura, da que formei parte. Nunca tiven especial interese por desempeñar un papel protagonista e colaboraba en tarefas de apoio aos compañeiros que si pertencían á Corporación. Polo tanto, xa estaba ao tanto da política municipal e a xestión pública de Cerdedo. O cambio simplemente consistíu en dar un paso ao frente e poñer a cara onde antes o facían outros, aínda que sería inxusto non mencionar a dificultade de acadar o nivel de dedicación dos anteriores concelleiros, debido ás miñas limitacións profesionais e familiares. Non obstante, coido que desempeñamos dignamente a nosa labor de control sobre a xestión municipal.
C: A súa chegada á Corporación coincide coa chegada de Balseiros á Alcaldía ¿Qué valoración fai deste feito?
RV: Eu máis ben diría co regalo a Balseiros do posto de alcalde. Con iso deixo ben clara a miña opinión sobre tan vergonzoso episodio da historia de Cerdedo. A dignidade e honorabilidade do cargo de alcalde perde moito cando se transforma en obxecto de regalos familiares. A democracia chegou a este país hai 30 anos pero algúns aínda parecen desprezar que para ser alcalde hai que presentarse a unhas eleccións. A manobra víase vir desde o día que se fixo pública a candidatura do PP con Balseiros de número 2. En fin, Balseiros é alcalde por decisión dunha soa persoa: seu sogro. Absolutamente vergonzoso.
C: ¿E como valoraría esta nova etapa da vida política municipal?
RV: Altamente decepcionante. Teño que recoñecer que inicialmente pensaba que Balseiros podería ser un bo alcalde dada a súa ampla experiencia na administración municipal e a súa implicación en algún movemento asociacionista. Coñecía “a Casa” por dentro mellor do que a podería coñecer calquera outro candidato, do partido que fose. Pero abondou este ano e pico para darlle a razón a quenes me decían que Balseiros carecía das cualidades precisas nun bo alcalde. Ademáis, a súa xuventude non lle está a servir para adaptarse aos novos tempos políticos que se viven en Galiza, leva demasiados anos na trastenda dun xeito de gobernar caciquil e excluínte. Pedir nun pleno aos concelleiros da oposición que lle boten unha man ante as consellerías dirixidas polos seus respectivos partidos é un recoñecimento implícito do tradicional xeito de gobernar, sectario e partidista, do PP. Na boa xestión política non hai partidismo, hai uns recursos públicos que xestionar democráticamente con eficacia e transparencia. E a dereita deste país non entende eses tres últimos conceptos.
C: Entón ¿como ve o futuro que se lle presenta a Cerdedo?
RV: Con Balseiros na Alcaldía véxoo ben negro. Non existe renovación cando se senta no sillón de alcalde alguén que leva 20 anos entre os muros do Concello colaborando estreitamente con quen era alcalde desde o franquismo. Igual que acontece coa Deputación de Lugo ou a de Ourense, pódese dicir que en Cerdedo levan 70 anos mandando os mesmos. E non será polo ben que o fan; aquí nin gobernos amigos nin coincidencias do PP en todas as administracións: Cerdedo leva 50 anos caíndo en picado e os seus responsables municipais nin fixeron nin fan nada por evitar que morra.
Caramés limitábase a chorimicar que Cerdedo era un concello pobre e non se podían facer cousas; Balseiros desespérase porque non consegue apoios de quenes deben financiar os seus proxectos.
A conclusión é que Cerdedo sempre é ignorado por outras administracións goberne o partido que goberne nelas. Polo tanto, o problema témolo aquí, en Cerdedo. E o vindeiro ano temos a oportunidade de resolver ese problema. Aínda que só sexa por probar, a peor non podemos ir.
C: ¿Hai alternativa a este futuro tan pouco optimista?
RV: Cerdedo ten unhas expectativas de crecemento certamente favorables, non lle queda outra opción que mellorar, precisamente pola situación de ruina económica e demográfica existente. Eu creo no potencial económico que supón o entorno natural no que se atopa Cerdedo. Debemos converter a nosa despoboación e desindustrialización nun valor positivo a explotar. Está emerxendo con forza un turismo intelixente que busca algo máis que sol e praia. Con pouco que se fixera, Cerdedo podería ser un paraíso para turistas estatais e do norte de Europa (con alto poder adquisitivo) que buscan entornos naturais tranquilos. Temos un entorno prácticamente virxe e as mellores praias do país a menos de unha hora. Prácticamente podemos ofrecer a calma e paisaxes dos Ancares e o bullicio e desfrute das mellores praias nun mesmo paquete. ¿Cantos poden ofrecer o mesmo? Estou a falar dun tipo de turismo que pode funcionar todo o ano, de casas de turismo rural, restaurantes, supermercados, hoteis, empresas de limpeza e servizos diversos.... Falo de actividades de ocio activo, eventos relacionados coa natureza, mesmo congresos. E todo, só con poñer en valor o que somos, sen necesidade de grandes infraestructuras. Pero todo iso pasa por unha política orixinal e emprendedora como a que poremos en práctica na vindeira lexislatura, pois é o momento axeitado cun goberno galego que aposta fortemente polo rural.
C: ¿Está dicindo que dentro dun ano gobernará o BNG en Cerdedo?
RV: Estou dicindo que, así como espertou Galiza hai un ano, agora chega a hora de Cerdedo. No BNG estamos preparados para asumir o goberno do Concello dun xeito DEMOCRÁTICO, convertendo a xestión dos recursos municipais en cousa DE TODOS. Ser alcalde non consiste en ir repartindo contratos de 3 meses ou obriñas aos amigos (lavadoiros, farolas, chapapote e pouco máis). Para min un alcalde é un SERVIDOR nomeado polos veciños para a administración eficaz e transparente do que é DE TODOS. Cerdedo precisa aire novo no concello, non pode permitirse un alcalde que leva 20 anos cun posto fixo dentro do propio Concello e se atreve a dicir que cobra un salario de 2.008 euros netos “como un oficial de calquera empresa”. ¿Cantos veciños hai en Cerdedo que cheguen á metade? Igual unha ducia e case todos no Concello, polo tanto ese salario paréceme un insulto, e a xustificación un exceso de soberbia.
No BNG ofrecemos un proxecto de FUTURO ilusionante e serio, a alternativa está á vista: a ruína total.
C: ¿Cómo sería o Cerdedo que vostede ofrecería como alcalde aos veciños?
RV: Un Cerdedo con nenos nas aldeas. Pode parecer inxénuo e simplista, pero encerra toda a filosofía de progreso e benestar que defendo para Cerdedo. Que as aldeas tiveran nenos implicaría que os pais e nais terían traballo aquí, que existirían uns servizos sociais modernos e eficaces (ensino, garderías, formación profesional, actividades extraescolares, culturais, etc...) Implicaría que os nosos maiores non vivisen en aldeas desertas como viven hoxe en día; os nosos lugares estarían cheos de casas habitadas, de campos productivos e creadores de riqueza. Teríamos unha mocidade orgullosa do seu traballo digno e ben retribuido no rural, o mellor dos entornos para vivir e criar aos nosos fillos.
C: ¿Qué proxectos marcarían a súa axenda se chegase a ser alcalde de Cerdedo?
RV: Aparte da explotación turística que xa mencionei, o aproveitamento da biomasa para crear riqueza é unha filosofía cada vez máis extendida no país. E Cerdedo é unha “potencia mundial” en biomasa. Sería moito o emprego directo que produciría a limpar os montes e aproveitar todo ese combustible que periódicamente arde de xeito incontrolado. Un incendio forestal, ademáis dunha desgraza ecolóxica, é un tremendo desperdicio de enerxía que non nos podemos permitir. E ter os montes limpos redundaría nun mellor aproveitamento con fins gandeiros, turísticos, forestais, etc… O aproveitamento dos nosos montes favorecería a creación dunha importante industria madeireira e do moble. Aí é imprescindible a complicidade das Comunidades de Montes, auténtico exemplo de xestión comunal.
Outro “tesouro político” que esconde Cerdedo son as terras que FENOSA arrancou aos nosos labregos hai 30 anos para un encoro que xa non se vai facer. Encerran un potencial de desenvolvemento inimaxinable, con centos de postos de traballo. Esa é unha teima miña desde moi novo, que nos devolvan o que nos quitaron daquela.