|
|
|
A vila de Cerdedo nunha tarde de orballo |
![]() |
O nome de Cerdedo parece ter a súa orixe etimolóxica en "Ceratesum", que significa "lugar de cereixas", o que fai supoñer a abundancia desta froita nalgún tempo. O noso concello atópase no centro de Galiza a medio camiño entre as Rías Baixas, Santiago de Compostela e Ourense, na zona axial da cadea hercínica do Macizo Ibérico; cunha superficie de 83,08 quilómetros cadrados. Limita ó norte cos concellos da Estrada e Forcarei, ó sur con Cotobade e Forcarei, ó leste con Forcarei, e ó oeste con Campo Lameiro e Cotobade. |
|
Adro e igrexa da capital municipal |
|
|
Rexístranse unhas temperaturas medias de 16,7ºC en verán e 8,9ºC no inverno, sendo xaneiro o mes máis frío; cunha pluviosidade que oscila entre os 2.000 e os 3.000 mm/ano. En ocasións pódese atopar neve por riba dos 550 metros de altura. |
|
Conta con 49 lugares agrupados en 8 parroquias (Cerdedo, Vilar, Pedre, Quireza, Castro, Tomonde, Folgoso e Parada), sendo os núcleos de poboación máis importantes Cerdedo(capital) e Os Castros (Quireza), onde se mantén a maioría dos 2.684 habitantes do concello, cunha densidade de 33,63 habitantes por quilómetro cadrado. O concello sufre un acelerado envellecemento da súa poboación, cunha tasa de natalidade do 3,35% fronte a unha mortalidade do 13,19%. Daí que se rexistre unha tasa de ocupación de tan só o 26,9%, dos cales a maioría se distribúe a partes iguais entre os sectores da construcción e os servicios, cun baixo nivel de renta que apenas supera os 9.000 euros.
|
A existencia de numerosos, aínda que pequenos, afluentes do Lérez (nos que atopamos máis dun cento de muiños), fai que as terras sexan productivas e axeitadas para a agricultura e a gandeiría. Actualmente hai 980 ha. de terreo adicadas a pastizais, 1800 ha. a usos agrícolas (patacas e millo fundamentalmente), e 1.920 ha. en aproveitamento forestal. A explotación forestal quizáis sexa o uso maioritario neste momento xunto coa gandeiría extensiva (existen 146 explotacións gandeiras e 39 comunidades de montes).
|
![]() |
|
Ponte de San Antón á beira da súa hermida |
|
|
|
|
A principal vía de comunicación é a estrada N-541, que pasa pola capital municipal atravesando o concello de leste a oeste, unindo a costa co centro da península. Aqueles que viaxan a través do noso concello poderán deterse a mercar productos típicos na feira que se celebra o primeiro sábado de cada mes.
| Natureza e Arquitectura |
|
|
|
Monte de Castrodiz, onde os mouros enterraron o seu ouro |
O punto máis elevado atópase no Monte do Seixo (Serra do Cando) con 1.024 m, onde se ten instalado recentemente un parque eólico de considerables dimensións, así como un refuxio para a escola municipal de parapente que funciona con notable éxito naquelas alturas dende hai xa varios anos. Esta zona foi incluida na Rede Natura 2000 debido á súa singularidade e riqueza floral, con amplia existencia de:
brezais oromediterráneos endémicos.
brezais húmedos atlánticos.
brezais secos.
estanques temporais mediterráneos.
bosques aluviais residuais.
carballeiras galaico-portuguesas.
|
O río Lérez constitúe o principal cauce fluvial, albergando o famoso coto de pesca Lérez-Castro. Daí a recoñecida fama das troitas de Cerdedo, atractivo gastronómico por excelencia do concello, xunto coa galiña ó sal e a bincha (postre doce cuxa festa de exaltación se celebra no Antroido). Ademáis, o noso río serve de magnífico escenario para o percorrido da Ruta das Pontes do Lérez, ruta de sendeirismo de dificultade media cunha lonxitude de 29 quilómetros e que une os concellos de Cerdedo e Forcarei. Esta ruta iníciase no famoso lugar de Pedre, coincidindo co paso dunha vía romana secundaria que atravesa a famosa Ponte Pedre, de orixe romana. |
|
|
Fermosa beira do Lérez nas faldas do Monte Seixo |
![]() |
Esta ponte é o símbolo do principal atractivo turístico do concello: o conxunto arquitectónico do lugar de Pedre. Éste, que se atopa arredor da famosa Eira Grande na que existen varias ducias de canastros perfectamente rehabilitados, recibe tamén o nome do "Combarro do interior" por ser unha das mostras da arquitectura rural do medioevo mellor conservadas do país. |
| Eira Grande de Pedre | |
|
Outro conxunto similar pódese atopar no Eirado de Filgueira, onde tamén hai un bo número de canastros arredor da hermida. Non podemos esquecer o espectacular conxunto arquitectónico da igrexa parroquial de Santo Tomé de Quireza, cun cruceiro de gran beleza e espectaculares dimensións. En resume, cada recuncho do noso concello é unha mostra (cruceiros, petos, hermidas) da herdanza daquela recoñecida terra de canteiros que foi esta bisbarra noutro tempo. |
![]() |
|
Adro de Quireza |